Nova
O proxecto de recheo para a ampliación do porto deportivo de Baiona mellora os servizos náuticos da localidade e permite abrir este espazo á cidadanía
A conselleira do Mar explicou que o seu desenvolvemento está baseado no seguimento e cumprimento rigoroso de todas as determinacións de protección ambiental, en liñas cos principios de sostibilidade e de crecemento azul
Esta actuación enmárcase no obxectivo do Goberno galego de impulsar este sector como motor xerador de riqueza e emprego en Galicia, actividade á que a Xunta destina por primeira vez unha partida específica de 1,2M€
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que o proxecto que inclúe os recheos para a ampliación do porto de deportivo de Baiona non só vai mellorar os servizos náuticos da localidade, senón que tamén permitirá abrir o espazo á cidadanía. Así o confirmou en sede parlamentaria a responsable autonómica, detallando que se trata dunha actuación, cuxo desenvolvemento é plenamente respectuoso coa contorna, ao estar baseado no seguimento e cumprimento rigoroso de todas as determinacións de protección ambiental, en liña cos principios de sostibilidade e de crecemento azul.
Ademais, segundo indicou Villaverde, para impulsar este proxecto a entidade local fixo un exercicio de escoita activa coas entidades vinculadas coa actividade que presta para obter o seu apoio. Foi o caso das asociacións náutica Baía de Baiona, de Usuarios do Porto Deportivo, de Empresarios e da propia confraría de pescadores.
E é que acometer os recheos para a ampliación das instalacións resposta a unha necesidade real identificada no ano 2015, momento no que a Administración local aprobou o Plan Especial de Ordenación do Porto, que permitiu ampliar o porto pesqueiro, conservar o paseo sobre a dársena e crear unha zona de protección subacuática na baía. Por tanto, segundo matizou a conselleira, esta actuación mellorará a situación do porto deportivo pois, na actualidade, nin presta servizos de calidade, nin ofrece un aspecto digno da entrada de Baiona.
Legal e ordenada
A entidade local tratou a operativa deste proxecto seguindo as directrices do Informe de Compatibilidade coa Estratexia Mariña da Demarcación Noratlántica, emitido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, facendo fincapé na necesidade de evitar afeccións a especies protexidas polo Real Decreto 139/2011 e a Lei 42/2007; na aplicación de medidas para evitar a turbidez e sedimentación en zonas sensibles; na implantación do plan de vixilancia ambiental; e no cumprimento das condicións establecidas pola Dirección Xeral de Biodiversidade en relación co Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental, integrado na Rede Natura 2000. Trátase, por tanto, dunha acción que se caracteriza por cumprir todos os parámetros legais, ser ordenada e estar debidamente autorizada.
Compromiso da Xunta coa náutica recreativa
A Xunta mantén un firme compromiso coa náutica recreativa como motor xerador de riqueza e emprego na comunidade. Ao redor de 350 empresas traballan no sector, dando lugar a 2.200 empregos directos e 10.000 indirectos, o que pon de relevo que Galicia ten un altísimo potencial nesta materia.
Por iso, dende a Administración autonómica se dedica por primeira vez ao seu impulso unha partida económica de 1,2 millóns de euros, a través dun plan específico destinado a mellorar a calidade de instalacións e servizos. Por outra banda, dende a Administración autonómica tamén se modificou a normativa para ampliar os prazos concesionais para aportar maior seguridade xurídica aos operadores privados que ven en Galicia un nicho de negocio. É o caso da concesionaria que investirá 4 millóns de euros na mellora da infraestrutura obxecto do debate parlamentario.