Nova

Villaverde traslada aos representantes do sector os avances na tramitación de novas medidas de reforzo da actividade pesqueira e marisqueira na comunidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Entre elas a modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia para regular as coñecidas como ‘demasías’ ou a proposta de modificación do baremo para a selección das prazas para marisqueo a pé

A titular de Mar tamén informou do nomeamento do novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, e da nova directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un novo encontro con representantes das federacións galega e provinciais de confrarías para facer seguimento do desenvolvemento de novas medidas para reforzar a actividade pesqueira e marisqueira en Galicia. A responsable autonómica enmarcou este encontro no marco a cogobernanza que preside a xestión destas actividades extractivas estratéxicas coa finalidade de coordinar e adaptar ao máximo as accións emprendidas pola Administración autonómica ás necesidades dos profesionais do mar.

Na xuntanza, a titular de Mar deu conta dos últimos avances respecto ao borrador inicial da Orde para regularizar a xestión e comercialización dos excedentes derivados do proceso de selección e clasificación dos recursos marisqueiros, que foi presentados a comezos do presente mes de xuño ás entidades sectoriais. Un documento que da continuidade á tramitación iniciada a comezos de ano coa modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia para permitir que os pósitos poidan comercializar ditos excedentes, coñecidos como “demasías”, en primeira venda. No marco desta nova normativa serán as entidades as que deberán, posteriormente, incluír a comercialización e xestión do ingresos derivados nos seus propios plans de xestión.

Outro dos asuntos de interese no que se segue traballando e na proposta de modificación do artigo 147 do Decreto de artes co obxectivo de modificar o horario da actividade marisqueira, mantendo as 5 horas diarias de traballo, pero deixando de estar vinculadas ao momento de baixamar ou á saída do sol. Tamén estase a estudar a posibilidade de realizar modificacións no baremos de selección das prazas para marisqueo a pé, quedando pendente da presentación por parte das federacións dunha proposta inicial ao respecto. 

Novos nomeamentos

A conselleira do Mar tamén deu conta aos máximos representantes do sector pesqueiro galego dos novos nomeamentos polo Consello da Xunta. Por un lado, do novo director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, que ata agora viña desempeñando a subdirección xeral de Valorización dos Produtos do Mar neste mesmo departamento. Por outro lado, da nova directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, que xa ocupara o posto de subdirectora xeral de Acuicultura entre os anos 2017 e 2021.

Imaxes relacionadas