Nova

A Xunta e Clusaga colaboran no reforzo da internacionalización da cadea mar-industria coa captación de novos mercados no horizonte

1 de 2
2 de 2

A comunidade é unha das principais potencias exportadoras de produtos pesqueiros a nivel mundial cunhas ventas anuais de preto de 2.800 millóns de euros con destinos á alza como Estados Unidos ou Emiratos Árabes Unidos

A secretaria xeral Técnica da Consellería do Mar destacou que esta iniciativa, financiada polo departamento autonómico, ofrece ás empresas do sector a formación e ferramentas necesarias para facilitar o seu acceso aos mercados internacionais

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

Hoxe concluíu a formación en comercio internacional no marco do programa Competemar que promoven o Clúster Alimentario de Galicia co apoio da Consellería do Mar. No acto estivo a secretaria xeral Técnica do departamento autonómico, Marta Barreiro, que destacou o papel da internacionalización das empresas da cadea mar-industria como instrumento para afondar na competitividade dun sector estratéxico para a economía galega.

A secretaria xeral resaltou que nesta acción participaron 29 participantes de 25 empresas de produtos do mar, o que supón un aumento con respecto a convocatoria do ano 2024, na que participaron 22 empresas. Unha iniciativa, dixo, que procura consolidar á comunidade como unha das principais potencias exportadoras de produtos pesqueiros a nivel mundial cunhas vendas anuais de preto de 2.800 millóns con destinos á alza como Estados Unidos ou Emiratos Árabes Unidos. Nesta liña, o programa ofrece a participación das empresas en misións comerciais directas a estes dous países acompañadas de axendas B2B e networking, permitindo o contacto directo con posibles socios e distribuidores locais.

Marta Barreiro puxo en valor que Competemar ofrece ás empresas do sector a formación e as ferramentas necesarias para facilitar o acceso aos mercados internacionais. Así, inclúe mentoring especializado para a internacionalización co acompañamento directo de expertos para a o desenvolvemento e implementación dun plan de internacionalización personalizado. Tamén a prospección e información de mercados para comprender as dinámicas comerciais e tendencias. Ademais, complementariamente esta previsto desenvolver un evento gastronómico único en Estados Unidos para promocionar os produtos galegos entre compradores e prescriptores internacionais.

Imaxes relacionadas