Nova
A conselleira do Mar destaca os 25 anos de AECOC no fortalecemento da cadea mar-industria co consumidor no centro de acción
Marta Villaverde clausura o congreso organizado por esta entidade en Baiona, e co que colabora a Administración autonómica
AECOC é unha das maiores asociacións empresariais do país e a única que reúne a todos os axentes da cadea de valor
Baiona (Pontevedra), 18 de xuño de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou os 25 anos da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) no fortalecemento da cadea mar-industria e a súa relación co consumidor, sendo este o seu principal selo. Así o puxo en valor na clausura do congreso organizado por esta entidade sobre os produtos do mar, e co que colabora a Xunta, a través do seu departamento.
A responsable autonómica subliñou que se trata dun cuarto de século, no que o colectivo estivo sempre unido e co acento posto nas tendencias do mercado que hoxe é máis esixente e cambiante ca nunca. Unha traxectoria que, en palabras da conselleira, se plasma neste congreso de valor diferencial e cuxa característica principal é ser nexo de unión para a profesión e nun sector como o marítimo-pesqueiro, que é un dos motores económicos máis importantes de Galicia.
Máis de 1.000 empresas do mar asociadas
Con máis de 33.000 empresas asociadas, AECOC é unha das maiores asociacións empresariais do país e a única que reúne a todos os axentes (produtores, fabricantes, operadores loxísticos e distribuidores), da cadea de valor. O 85% dos socios son pemes. Representan o 20% do PIB de España.
Naceu en 1977 para implantar en España unha linguaxe común, o código de barras. Na actualidade, traballa no desenvolvemento do impulso de prácticas de xestión e en achegar coñecemento que axude ás empresas integrantes nas cadeas de comercialización a ser máis eficientes e competitivas.
No caso do sector dos produtos do mar, a Asociación de Fabricantes e Distribuidores conta con máis de 1.000 empresas asociadas de toda a cadea de comercialización de alimentos pesqueiros (lonxas, almacenistas, fabricantes, distribución organizada e outras empresas relacionadas). Ademais, dispón dun comité de produtos do mar, no que se inclúen 25 empresas do sector, e no que se emprenden accións destinadas a xerar valor e coñecemento a toda a cadea de subministración.