Nova

Medio Rural reafirma a súa aposta pola seguridade e a sanidade animal e vexetal na conferencia sectorial de agricultura

As conselleiras do Medio Rural e do Mar participaron de xeito telemático nas reunións da Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural e do Consello consultivo de política agrícola e política pesqueira

Marta Villaverde subliña que o informe da Comisión relativo ao 2024 confirma a evolución positiva en termos de sostibilidade na xestión pesqueira dos caladoiros comunitarios, o que se debería trasladar ás posibilidades de pesca para o 2026

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

A Consellería do Medio Rural reafirmou hoxe a súa decidida aposta pola seguridade e a sanidade animal e vexetal no marco da Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural e do Consello consultivo de política agrícola e política pesqueira. A titular do departamento, María José Gómez, e a súa homóloga de Mar, Marta Villaverde, participaron por videoconferencia nestas reunións.

Neste contexto, a conselleira do Medio Rural subliñou que a Xunta destina este ano case 30 millóns de euros para reforzar a seguridade e a sanidade animal e vexetal, o que supón un incremento do 43% con respecto ao 2024. Estes fondos serven para a loita e control fronte pragas vexetais, como poden ser o nematodo do piñeiro ou a flavescencia dourada da vide, así como diante de doenzas da cabana gandeira, caso da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a lingua azul, entre outras.

Pola súa parte, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, abordou a comunicación da Comisión sobre Pesca sostible na Unión Europea: situación actual e orientacións para 2026 que está en consulta pública como paso previo ao proceso para abordar as posibilidades de pesca en outubro. A responsable autonómica resaltou que a Comisión certifica cos datos do 2024 os importantes avances en materia de sostibilidade na xestión pesqueira dos caladoiros comunitarios. Pola contra, lamentou que ata agora estes indicios de sustentabilidade ambiental non teñan o seu correspondente traslado en termos económicos e sociais.

Nesta liña, puxo en valor que o Executivo comunitario recoñeza o impacto de factores distintos á propia actividade pesqueira, como o incremento da temperatura dos océanos polo cambio climático, na evolución das poboacións de peixe. Así, recordou que ata agora estívose cargando nos axustes da frota a mellora do estado dos caladoiros polo que avanzou a necesidade de trasladar e compensar ese esforzo realizado nos últimos anos ás posibilidades de pesca para o 2026. Villaverde reiterou que o obxectivo final é garantir o desenvolvemento dunha Política Pesqueira Común equilibrada que atenda tanto aos factores ambientais como aos económicos e sociais.