Nova

Villaverde pon en valor os avances na elaboración do censo do patrimonio marítimo previsto no Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A titular de Mar destacou o desenvolvemento dun visor das dez áreas nai, espazos de interese cultural marítimo, recollidos no documento co obxectivo de mellorar a accesibilidade e divulgación da información relativa a estes lugares

A Administración autonómica vai a realizar a segunda edición de exemplares do plan co obxectivo de facilitar a súa consulta por parte de institucións públicas, entidades do sector pesqueiro ou persoal investigador

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro de traballo de seguimento do desenvolvemento das actuación recollidas no Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 (Pcuma) no que puxo en valor os avances na elaboración do censo do patrimonio marítimo. O obxectivo desta ferramenta é contribuír a garantir a conservación e promoción dos rico legado das actividades vencelladas ao mar na comunidade. 

A responsable autonómica, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, destacou o carácter pioneiro tanto a nivel nacional como internacional deste documento elaborado en colaboración coa Universidade da Coruña. Nesta liña, subliñou a importancia de ampliar o coñecemento da cultura marítima entre a poboación revalorizando o rico patrimonio material e inmaterial de Galicia neste ámbito. 

Marta Villaverde resaltou que no marco do Pcuma, que recolle un cento de medidas a aplicar ata o ano 2030, estase a desenvolver un visor das dez áreas nais, espazos de interese cultural marítimo, incluídos no plan coa finalidade de mellorar a accesibilidade e divulgación da información relativa a estes lugares. Trátase de puntos singulares da nosa costa que aínda conservan as características orixinais, debido a que sufriron en menor medida os procesos recentes de urbanización e industrialización do litoral.

Na actualidade constan Rinlo, Espasante, Mugardos, Redes, Quilmas, Muros, Enseada de Baroña, Secada-Touro, Combarro e A Guarda. Unha listaxe que poderá ampliarse no futuro con novos estudos pormenorizados de novas posibles áreas de especial valor cultural marítimo que conforman, en conxunto, unha estrutura territorial que testemuñan dun xeito singular o pasado mariñeiro de Galicia.

A conselleira tamén anunciou que proximamente vai a realizar a segunda edición de exemplares do Pcuma co obxectivo de facilitar o seu coñecemento e consulta por parte de institucións públicas, entidades do sector pesqueiro ou persoal investigador.  A este respecto, subliñou que a posta en valor da ampla variedade de bens inmobles e patrimonio inmaterial existentes en Galicia vinculados ao mar é unha tarefa que debe implicar ao conxunto da sociedade. Unha riqueza patrimonial que tamén xoga un papel moi relevante na diversificación e dinamización económica das comunidades costeiras.

Imaxes relacionadas