Nova

Villaverde sinala como estratéxica a promoción do consumo de peixe e marisco entre a mocidade galega

1 de 2
2 de 2

O Pino (A Coruña), 19 de xuño de 2025

A Consellería do Mar continúa espallando a promoción dos produtos pesqueiros por toda a xeografía galega da man das foodtrucks da iniciativa autonómica GALICIA SABE AMAR. Unha delas recalou este xoves no CPI Camiño de Santiago, no concello coruñés do Pino, para levar ao alumnado o mellor sabor das rías galegas a través de saborosos petiscos. Alí estivo a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen resaltou a importancia estratéxica de aproximar á mocidade as bondades do consumo destes alimentos dada a súa condición de futuros consumidores.

Nesta liña, resaltou que é nesas idades escolares cando as persoas adquiren a maior parte dos seus hábitos de consumo, tamén no ámbito da alimentación, polo que puxo en valor o achegar estas campañas aos centros escolares. Unha acción que enmarcou no compromiso do Goberno galego de desenvolver medidas que incentiven a presenza destes alimentos nas mesas de todos os galegos e galegas. Tanto polos seus importantes beneficios para a saúde como polo relevancia económica do sector da pesca na economía da comunidade. Unha liña de traballo na que tamén destaca o próximo lanzamento do bono Peixe que mobilizará 2,5 millóns de euros e alcanzará a 50.000 beneficiarios.

Imaxes relacionadas