Nova

A Xunta aproba varios plans de xestión para especies como a nécora, o camarón, a centola e o boi así como unha veda para o choco nas rías de Vigo e Pontevedra

A Consellería do Mar aprobou o plan experimental de pesca con trasmallos para as confrarías destas rías ampliando de xeito extraordinario a época autorizada ata o vindeiro 18 de xullo 

Tamén tivo luz verde o plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo ata outubro para a captura de lura e especies acompañantes en horario diúrno de luns a venres

A Administración autonómica tamén modificou o horario de pesca coa arte de racú e piobardeira autorizando a actividade desde 12.00 horas do domingo ata as 12.00 do luns 23 de xuño para a captura de sardiña con motivo da festividade de San Xoán

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

A Consellería do Mar, no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira en Galicia, vén de aprobar en consenso co sector varios plans de xestión e a veda para o choco nas rías de Vigo e Pontevedra. Deste xeito, queda prohibida a pesca desta especie desde o 21 de xullo ata o 31 de outubro como solicitaba o propio sector e que está avalada por informes técnicos que constatan que a partir de xuño a captura de xuvenís medra nun 80% respecto aos meses anteriores. Esta medida de conservación, afecta tanto a profesionais  como de recreo, ten como obxectivo garantir a explotación responsable e sostible deste recurso pesqueiro.

Por outra banda foi aprobado o plan exprimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa que estará vixente dende o 1 de xullo ata o 30 de xuño do 2027. Mantense o periodo de veda recollida no plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 e inclúe catro modalidades para o desenvolvemento da actividade, unha específica para as rías de Arousa e Vigo así como outra para a ría de Pontevedra. Tamén establece unha limitación do número de nasas a bordo segundo o tamaño da embarcación que vai de 75 ata as 250 nasas e o número de tripulares, con 75 nasas adicionais por cada un. En calquera caso establece un máximo de 225 nasas para ás embarcacións máis pequenas e de 550 nasas para as de maior tamaño.

Tamén foi aprobado o plan de xestión da centola e do boi que estará vixente desde o 21 de xuño ata o inicio da veda do ano 2026 que será establecido no próximo plan. En todo caso, este ano dita medida queda establecida, tanto para a zona A – desde a desembocadura do río Miño ata paralelo que pasa por cabo Corrubedo- como na zona B -desde o paralelo de cabo Corrubedo ata o meridiano que pasa polo cabo de Estaca de Bares- do 21 de xuño ata o 9 de novembro. Na zona C -desde o meridiano de Estaca de Bares ata o río Eo- queda establecida para a centola desde o 1 de xullo ata o 30 de novembro e no caso do boi do 27 de setembro ata o 2 de novembro. Establece unha cota máxima de centola de 35 quilos diarios por barco e día aos que se asignan 35 quilos adicionais por cada tripulante enrolado.

Trasmallos e boliche

O departamento autonómico tamén sacou adiante unha modificación do plan experimental de pesca con trasmallos para as rías de Vigo e Pontevedra pola que se amplia de xeito extraordinario a época autorizada ata o vindeiro 18 de xullo en liña co que solicitaba a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Nesta liña, foi autorizado o plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro deste ano coa lura e especies acompañantes como obxectivo.

Racú e piobardeira

Con motivo da festividade de San Xoán e coa finalidade de satisfacer a demanda de sardiña nos mercados a Consellería do Mar deu luz verde autorizar ás embarcacións con porto base en Galicia e despachadas para a arte de racú e piobardeira a saír do porto das 12.00 horas do domingo ata as 12.00 do luns 23 de xuño para a captura, desembarco e comercialización desta especie. Unha medida solicitada polo sector e que tamén establece como descanso alternativo o 24 de xuño. Así, serán 401 embarcacións do xeito,  19 do racú e 5 de piobandeira os que poderán operar o domingo para capturar esta especie da que se comercializaron o ano pasado máis de 14.400 toneladas por valor de 16,5 millóns de euros.