Nova
Marta Villaverde destaca o apoio da Xunta na posta en valor da carpintería de Ribeira como elemento clave no patrimonio marítimo e cultural de Galicia
A iniciativa enmárcase no convenio asinado con Culturmar e dá continuidade á aposta da Consellería de dar visibilidade ao enorme legado material e inmaterial que a comunidade ten a este respecto
O Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, a Estratexia de Economía Azul e os proxectos dos GALP, accións lideradas por Mar que tamén contribúen a dinamizar esta tradición e toda a actividade socioeconómica que leva aparellada
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destaca o apoio do Goberno galego para por en valor a carpintería de ribeira, entendéndoa como un recurso clave no patrimonio cultural e marítimo de Galicia. Así o expuxo na presentación do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrada hoxe no Museo do Pobo Galego, e que acollerá a vila de Ribeira dende o 17 ao 20 de xullo.
Acompañada do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, Villaverde trasladou, precisamente, a colaboración que o seu departamento vén mantendo coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), e que permite, entre outras actuacións, a celebración deste encontro que congregará no porto desta vila do Barbanza a preto de 150 embarcacións.
Galicia conta cunha importante presenza de elementos patrimoniais e etnográficos ligados ao ámbito marítimo-pesqueiro. Co fin de potencialos, Mar desenvolve o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, un traballo que é froito do esforzo colectivo para coordinar 100 accións que abarcan desde o marisqueo e a pesca, ata a tradición oral e os oficios vinculados ao mar. Ademais, segundo destacou a conselleira, este apoio tamén se ve reforzado na Estratexia de Economía Azul e nos proxectos que se impulsan dende os Grupos de Acción Local (GALP).
O Encontro
A décimo sétima edición deste Encontro consolídase como a gran celebración da cultura marítima fluvial de Galicia, a actividade máis senlleira de Cultumar, pois vense realizando dende 1993 de forma itinerante, congregando nas vilas mariñeiras a destacadas embarcacións tradicionais galegas e doutras partes da península e de Europa. Trátase, por tanto, dunha das citas deste tipo de maior dimensión e variedade tipolóxica da Península.
Esta grande exhibición de embarcacións representativas do patrimonio marítimo e fluvial acompáñase durante as catro xornadas dun amplo programa de actos culturais e de lecer dirixidos a todo tipo de público asistente.
A iniciativa cumpre outros obxectivos de destacada importancia, como é achegar este patrimonio á poboación, promover o asociacionismo cultural ou fomentar actividades de integración social, convivencia, divulgación, ademais do turismo sostible.