Nova
Marta Villaverde avanza ao sector a publicación este mércores no DOG da nova norma sobre conservas artesanais de Galicia
Este anuncio prodúcese tan só un día despois de que o Consello da Xunta dese o visto e prace a esta orde que potencia o emprendemento, a innovación e o valor diferencial desta actividade, facilitando con elo a diversificación económica da industria conserveira
A ferramenta xurídica pon o foco na esencialidade do proceso produtivo, garantindo a seguridade alimentaria e a sustentabilidade na práctica, e contribúe a fixar poboación e a preservar o patrimonio cultural e marítimo costeiro
Anfaco valora positivamente esta disposición, comprometéndose a apoiar aos novos emprendedores na Estratexia da Economía Azul de Galicia, impulsada por Mar
Vigo, 24 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este mércores a nova norma técnica das conservas artesás de peixes e mariscos que a Consellería do Mar fomenta dentro do selo de Artesanía Alimentaria. Con este trámite, o departamento que dirixe Marta Villaverde dá continuidade ao proceso de posta en marcha e posterior aplicación desta orde que potencia o emprendemento, a innovación, o valor diferencial deste sector e que protexe xuridicamente a estas pequenas producións de alimentos de alta calidade, facilitando con elo a diversificación económica da industria conserveira.
A titular de Mar trasladou a esta entidade, referente na cadea mar-industria, que a ferramenta legal pon o foco na esencialidade do proceso produtivo, garante a seguridade alimentaria e a sustentabilidade da práctica, ao tempo que contribúe a fixar poboación nas rexións costeiras de Galicia.
Economía, cultura, turismo e o papel da muller
O anuncio realizado pola conselleira prodúcese tan só un día despois de que o Consello da Xunta dese o visto e prace a esta regulación. Unha disposición legal que está deseñada para mellorar a posición dos produtores, pero tamén para fomentar o potencial do turismo, crear e manter os empregos existentes nas comunidades costeiras, salvagardar o patrimonio marítimo e cultural que ten a comunidade no que respecta á industria conserveira, e para por en valor o papel que a muller tivo e ten historicamente na actividade marítimo-pesqueira.
Debulla as calidades dos alimentos transformados para obter o cualificativo de artesanal e establece as definicións correspondentes á materia prima, aos produtos en conserva, semiconserva e conxelados, ás especies estacionais, á esterilización ou ao líquido da cobertura.
Polo que respecta ao propio proceso de elaboración, aborda a manipulación inicial e posterior da materia prima base, os tratamentos térmicos previos á fabricación da conserva, o descunchado, o envasado e as prácticas autorizadas e prohibidas, ademais das posibilidades de mecanización, o límite máximo de produción, a presentación e o envase, a trazabilidade e rexistros, o sistema de control por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e os requisitos de hixiene.
Boa acollida
A norma foi moi ben acollida por Anfaco-Cecopesca, cuxos responsables trasladaron o compromiso de apoiar aos novos emprendedores no marco da Estratexia da Economía Azul de Galicia.
Esta entidade ten como misión principal defender activamente os intereses dos seus membros entre Administración, organizacións multilaterais e todo tipo de entidades nacionais, europeas e internacionais. Desenvolve, en paralelo, solucións de alto valor na busca da competitividade empresarial, no eido da I+D+I, no asesoramento especializado e na formación, ou na asistencia técnica. Aglutina a máis de 250 empresas de todos os elos do complexo mar-industria alimentaria, que suman unha facturación anual de máis de 14.000 millóns de euros e máis de 26.300 empregos en España.
Os principais sectores aos que representa e presta servizos son: conservas (30%), conxelados, refrixerados e elaborados de produtos do mar (33%), bacallau e salazóns (13%) e empresas vinculadas de non doada adscrición como as pastas de empapado, ou aceites ou as fariñas de peixe (24%).
Colaboración da Xunta
Esta foi a primeira visita realizada a Anfaco por Marta Villaverde como conselleira do Mar. Deste xeito, logo da reunión, asinou no Libro de Honra da entidade e visitou o Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a industria mariña, acuícola e alimentaria (Cytma), que alberga unha sala de acuicultura e a Unidade de Técnicas Cromatográficas.
O Goberno galego mantén unha intensa colaboración na última década con esta organización, co obxectivo de coordinar accións de promoción da comercialización nacional e internacional das conservas e transformados de peixes e mariscos de Galicia. O importe achegado por Mar dende 2015 ata actualidade -vía convenio- ronda os 1,5 millóns de euros.