Nova
Villaverde analiza co sector alternativas fronte ao veto comunitario ao palangre demersal en 87 áreas do Atlántico Nororiental
A conselleira do Mar subliñou o apoio do Goberno galego ás demandas da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela e das 16 compañías armadoras galegas recorrentes aportando informes de carácter técnico no proceso
A Xunta xa solicitou un novo encontro ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, xunto con representantes do sector, para abordar o impacto da resolución xudicial e estudar posibles solucións nun asunto vital para a frota galega
Tamén foi solicitada unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, para establecer liñas de traballo conxuntas na súa condición de interlocutor ante as institucións comunitarias
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
A Xunta continúa traballando na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego despois da sentenza do Tribunal Xeral de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do pasado 11 de xuño que avalou o veto comunitario á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Nororiental. Así, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) despois da análise polo miúdo da sentenza por parte dos servizos xurídicos.
A responsable autonómica sinalou o apoio do Goberno galego ás demandas da OPP-7 de Burela e das 16 compañías armadoras galegas recorrentes aportando informes rebatendo puntos de incidencia técnica no proceso xudicial no que participou en calidade de coadxuvante. Marta Villaverde reiterou a súa decepción coa decisión do TXUE dado que, ao entender da Xunta e do sector, o veto promovido polo excomisario Sinkevicius carece de aval científico, non ten en conta os factores socioeconómicos en liña co que sinala a Política Pesqueira Común, e que afecta a un 25% da frota galega, 200 embarcación de xeito directo e indirectamente a outras 946 de artes menores.
A titular de Mar explicou que este pronunciamento xudicial só permite traballar na modificación de normativa estatal e comunitaria en liña coa reforma autonómica. Con ese obxectivo este departamento autonómico remitiu ao día seguinte de coñecerse a sentenza unha carta ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, solicitando un novo encontro no que abordar xunto con representantes do sector o impacto da resolución xudicial e estudar posibles solucións nun asunto vital para a frota galega. Na Xunta xa se está traballando na elaboración dunha batería de propostas que serán presentadas ao responsable comunitario coa finalidade de algunha delas sexa aceptada e asumida pola Comisión.
Reunión co Ministerio
Villaverde tamén remitiu este xoves unha carta solicitando unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na que tamén estaría presente o sector, co obxectivo de establecer liñas de traballo conxuntas no deseño e execución de solucións alternativas ao veto ao palangre demersal. A conselleira do Mar subliña a necesidade de que o conxunto das administracións actúen de xeito coordinado, e sempre da man da frota afectada, para levar adiante medidas realistas e efectivas que permitan mudar a situación actual.
Recurso
O Goberno galego continúa estudando a posibilidade de recorrer a sentenza do TXUE, polo que aínda non descartan acudir a esta vía. Con todo, resaltan que estase a traballar en todas as opcións dispoñibles para acadar unha solución definitiva e satisfactoria para un sector estratéxico, tanto no ámbito económico como social, e esencial para garantir a imprescindible soberanía alimentaria de todo o continente.