Nova
Marta Villaverde destaca a contribución do Centro Tecnolóxico do Mar ao reforzo da competitividade e sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro galego
A entidade pechou o primeiro semestre do ano con 49 proxectos e servizos activos en marcha en áreas clave como gobernanza mariña, a xestión sustentable dos recursos, a observación oceánica, a formación ou a cooperación internacional.
A responsable autonómica, que presidiu a reunión do Padroado no que foron aprobadas as contas do 2024, destacou o papel da fundación no desenvolvemento do Programa de Ciencias Mariñas ou a Estratexia da Economía Azul de Galicia
Vigo, 29 de xuño de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta semana a sede viguesa do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar con motivo da celebración da reunión ordinaria do seu Padroado na que foron aprobadas as contas do exercicio do 2024. Alí, a responsable autonómica puxo en valor a traxectoria e contribución deste centro, creado no 2001, ao reforzo da competitividade e sostibilidade do sector pesqueiro galego. Villaverde resaltou especialmente o seu labor no ámbito da innovación con importantes beneficios sociais e económicos para o conxunto da cadea mar-industria estimulando o seu crecemento a través do desenvolvemento de novas tecnoloxías.
A entidade pechou o primeiro semestre de 2025 con 49 proxectos e servizos activos en áreas clave como a gobernanza mariña, a xestión sustentable dos recursos, a observación oceánica, a formación e a cooperación internacional. Unha actividade que reforza o papel de Cetmar como peza clave na Estratexia Galega de Economía Azul, actuando como motor de innovación, apoio técnico e dinamización do ecosistema mariño-industrial en Galicia.
Nesta liña, Marta Villaverde, acompañada pola directora-xerente da Fundación, Rosa Chapela. recordou esta entidade conta este ano, entre os proxectos e servizos aos que se presenta a Fundación e a subvención da Consellería do Mar, cun orzamento de 4,5 millóns de euros. Unha cifra que supón un incremento de preto do 5% respecto ao 2024 e que reflicte a aposta da Xunta pola investigación mariña como piar para afrontar os retos presentes e futuros do sector.
A titular de Mar resaltou o labor desta entidade, adscrita á Consellería do Mar, e o traballo do seu persoal no desenvolvemento do Programa de Ciencias Mariñas con actuacións como a estratexia e planificación da integración dos sistemas de observación e servizos ou a aplicación de novas tecnoloxías e ferramentas para a monitorización do medio mariño en colaboración con outros organismos científicos. Tamén na posta en marcha da Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024- 2027 que recolle 40 medidas que mobilizarán 114 millóns de euros, situando á comunidade como referente, garantindo a sostebilidade e circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura.
Papel estratéxico
A conselleira do Mar subliñou tamén o papel estratéxico de Cetmar como interface entre ciencia, administración e sector produtivo, contribuíndo á toma de decisións públicas e ao desenvolvemento económico e social ligado ao mar. Así, participa maioritariamente en proxectos de carácter internacional, moitos deles enmarcados na economía azul e no desenvolvemento sostible do medio mariño. Durante a reunión, tamén se informou ao Padroado das novas propostas presentadas a diferentes convocatorias nas últimas semanas, das que tres están pendentes de resolución e permitirán ampliar a carteira de actividades da Fundación ao longo do ano.