Nova
Villaverde destaca o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas portuarias deportivas e a actividade náutica como un sector emerxente na economía azul
A conselleira puxo en valor o esforzo inversor da Consellería, ao consignar este ano por primeira vez unha partida específica de 1,2M€ para o mantemento e mellora dos portos deportivos galegos
Vigo, 27 de xuño de 2025
A mellora das infraestruturas portuarias deportivas e toda a actividade que vai asociada á economía do mar, como é o caso da náutica, son para o Goberno galego unha prioridade, xa que impulsan destinos, revitalizan as zonas costeiras e potencian a competitividade do sector marítimo-pesqueiro, xerando un impacto económico e cultural moi significativo na comunidade.
Por iso, a Consellería do Mar, tal e como destacou a súa responsable, Marta Villaverde, durante a clausura do Congreso do Mar e da Náutica, incluíu por primeira vez este ano unha partida específica nos orzamentos para a mellora e mantemento dos portos deportivos. Dotada con 1,2 millóns de euros, está destinada tamén a seguir incidindo na calidade da prestación de servizos mediante o impulso e apoio técnico para a obtención de certificacións. Un traballo este último, levado a cabo dende o Goberno galego en colaboración coa Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e As Mariñas, e que fai posible que a comunidade xa conte co 72% dos distintivos S de Sostibilidade, o 62% das Q de Calidade, o 100% das EMAS e o 70% das ESO 14001 de España.
E é que, para a responsable autonómica, é importante seguir afondando na coordinación do sistema náutico galego, unha estrutura na que o ente público Portos de Galicia xestiona de forma directa 42 das 73 infraestruturas deportivas. Estas ofrecen 10.700 prazas, o que as consolida como un reclamo turístico destacado. Proba delo, é que no 2024 foron máis de 5.800 barcos estranxeiros os que recalaron nas instalacións de titularidade autonómica, deixando un volume de negocio de 6,2 millóns de euros.
Asemade, e baixo a premisa de que este tipo de actividade ten unha repercusión directa no desenvolvemento socioeconómico local, a Consellería de Villaverde, tamén introduciu a náutica como sector a potenciar dentro da Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027.
40 expertos
O encontro, clausurado pola titular de Mar, chegou hoxe á súa fin, consolidando a Vigo como a capital atlántica da economía azul. Organizado polo Real Club Náutico, o simposio converteuse no punto de encontro de máis de 40 expertos que demostraron que o ecosistema do mar é unha gran oportunidade de desenvolvemento, innovación e sostibilidade para todos.