Nova
Villaverde define o 'Vigo Seafest' como un potente escaparate internacional que dá visibilidade á excelencia gastronómica que ofrece o mar de Galicia
A conselleira participou na presentación da sexta edición deste encontro que consolida a Vigo como a capital europea da pesca
Destaca a importancia do apoio da Xunta, pois accións deste tipo teñen unha repercusión positiva no desenvolvemento socioeconómico e turístico dos territorios costeiros
Vigo, 30 de xuño de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, define o 'Vigo SeaFest' como un potente escaparate internacional para dar visibilidade á potencialidade gastronómica que ofrece o litoral galego. A responsable autonómica participou na presentación desta iniciativa que acolle a cidade olívica, e que a consolida como a capital europea da pesca.
Por elo, Villaverde felicitou á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) pola organización da sexta edición deste encontro que se desenvolverá dende o 10 ao 13 de xullo nos Xardíns de Elduayen, e que está considerado como un referente en España dentro da gastronomía vinculada ao mar.
Así o certifica a súa programación, que este ano inclúe diversos talleres e actividades para resaltar a importancia socioeconómica do sector pesqueiro e, por extensión, da cadea mar-industria. 23.000 metros cadrados, nos que se darán cita unha decena de chefs locais, que ofrecerán aos asistentes as mellores versións dos produtos capturados polas tres frotas principais: arrastre, palangre e cerco.
A máxima dirixente da Consellería incidiu na importancia de que a Xunta de Galicia colabore e apoie accións semellantes á presentada esta tarde, pois son unha aposta ambiciosa que contribúe ao impulso da zonas costeiras, ao tempo que poñen en valor o sector marítimo-pesqueiro e as súas infraestruturas, así como o potencial turístico e gastronómico, entendido este dende a capacitación e cualificación dos seus profesionais e dende a calidade dos produtos. Unha estrutura que, en palabras de Marta Villaverde, reforza a Galicia Calidade, baseada na excelencia, a tradición e na excelencia.