Nova

Marta Villaverde destaca a capacidade da cadea mar-industria galega para adaptarse ás tendencias do mercado e dar resposta ás necesidades do consumidor

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Sitúa a innovación e a atracción de talento como elementos clave para alcanzar o liderado nas vendas e un incremento no consumo, así como para reforzar a marca Galicia Calidade que dá un valor diferencial aos produtos capturados na costa galega

Considera decisiva a colaboración público-privada para que a industria marítimo-pesqueira siga sendo referente en España en materia de sostibilidade económica e medioambiental

Vigo, 3 de xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou na inauguración do II Fórum do Pescado e Produtos do Mar, organizado por Interempresas Media, a capacidade da cadea mar-industria de Galicia para adaptarse ás tendencias dun mercado cada vez máis globalizado e dar resposta con elo ás necesidades do consumidor.

Neste senso, afondou na importancia de fortalecer a cadea de valor coa aplicación da innovación e da tecnoloxía, e coa atracción do talento para alcanzar o liderado nas ventas e un incremento no consumo. Fórmulas que, en palabras da conselleira, reforzan a marca Galicia Calidade como valor diferencial vinculado á orixe dun produto de primeira calidade que é capturado nun entorno privilexiado como é o litoral galego.

Esta capacidade e esforzo é o que permiten que a Xunta, a través da Consellería do Mar, tamén estea impulsando políticas que contribúen á mellora das canles de comercialización, coa adquisición de novas formas loxísticas e coa dixitalización das rulas. É o caso, do proxecto Lonxas Galegas 4.0 que, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), este ano culminará a súa segunda fase, permitindo a dixitalización de 18 novas lonxas e 29 entidades pesqueiras.

Este compromiso empresarial e público é o que permite, destacou Villaverde, que a industria marítimo-pesqueira de Galicia sexa referente en España dende o punto de vista da sostibilidade económica e medioambiental.

Segunda edición

Co foco posto nestas cuestións, a sede de Afundación viguesa acolleu a segunda edición deste encontro no que a intelixencia artificial, a innovación e a estratexia comercial centraron o programa do mesmo.

Así, expertos, empresas e entidades clave abordaron o impulso do consumo dos produtos da cadea mar-industria dende a dixitalización ata a sostibilidade e a captación do talento. A xornada combinou intervencións especializadas con exposicións de profesionais da industria pesqueira e transformadora.

Imaxes relacionadas