Nova
O GALP Ría de Pontevedra desenvolve 25 proxectos, dotados cun investimento público-privado superior aos 4,5 M€
Marta Villaverde puxo en valor a acción dos 8 entes existentes en Galicia como instrumento para o aproveitamento da economía azul, a diversificación económica e a xeración de emprego nas zonas dependentes da pesca e da acuicultura
Ao abeiro da convocatoria actual desenvolverán 133 proxectos que mobilizarán máis 20,9 millóns de euros
Poio (Pontevedra), 3 de xullo de 2025
O Grupo de Acción Local (GALP) Ría de Pontevedra inaugurou este xoves a súa oficina técnica, co fin de seguir fortalecendo o diálogo co sector e o tecido empresarial do mar. Deste xeito, a Casa Rosada será o epicentro de actuación deste GALP, que ata o de agora se viña desenvolvendo no porto de Marín, e que está formado por 59 entidades públicas e privadas. Destas, 8 pertencen ao ámbito pesqueiro, 34 ao social, 11 ao económico e 6 son de carácter público.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, que participou na inauguración destas instalacións, puxo en valor a acción destes entes, definíndoos como o principal instrumento para o logro da prioridade cuarta da Unión Europea: aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o cumprimento de obxectivos como o apoio á empregabilidade e o fomento do crecemento económico, a diversificación da actividade marítimo-pesqueira, a inclusión social e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura.
Neste senso, remarcou que son elementos determinantes para o aproveitamento da economía azul, a diversificación económica e a xeración de novas oportunidades laborais de calidade vinculadas á actividade do mar.
Integrado por seis municipios (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), este GALP desenvolve 25 proxectos para os que conta con 1,96 millóns de euros de axuda pública e de 2,6 millóns de investimento privado.
133 proxectos e 20,9 M€
Os oito Grupos de Acción Local Pesqueira existentes en Galicia son entidades colaboradoras da Consellería do Mar que funcionan como axentes de desenvolvemento do litoral galego. Ao abeiro da convocatoria actual, desenvolverán 133 proxectos, dos que 54 son de actividade económica (40,60%) e 79 de accións sen ánimo de lucro (59,6%). En canto aos indicadores de resultados, o valor previsto de creación de emprego é de 120 postos de traballo a tempo completo.
Estas iniciativas contan cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e un investimento privado de 9,2 millóns. En total, 20,9 millóns de euros que están a promover un impulso económico e social significativo nas comunidades costeiras.