Nova

Villaverde resalta a estratexia da Economía Azul de Galicia como elemento transformador da actividade marítimo pesqueira na comunidade

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A titular de Mar puxo en valor que esta folla de ruta do Goberno galego, dotada con 114 millóns de euros, está aliñada cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas

A responsable autonómica destaca o posición privilexiada da comunidade no impulso de mercados marítimos innovadores e no reforzo da sostibilidade das actividades marítimas, promovendo un crecemento social e económico máis xusto

Vigo, 3 de xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na nova edición do Galicia Market Place, que se celebra en Vigo, onde resaltou a Estratexia da Economía Azul de Galicia como elemento transformador da actividade marítimo- pesqueira. Así o manifestou nun evento xa consolidado como punto de encontro para a cadea mar-industria que serve de escaparate das novas oportunidades do mercado favorecendo as sinerxías entre as empresas e fomentando o intercambio de coñecemento entre os profesionais dando visibilidade ao potencial do sector do mar na comunidade.

A responsable autonómica puxo en valor esta folla de ruta do Goberno galego, que mobilizará 114 millóns de euros ata o 2027, que está aliñada cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas. A estratexia recolle 40 medidas entre as que destacan as relacionadas coa promoción e consumo dos produtos do mar, nos que Galicia é modelo de sostibilidade. Entre elas, a incorporación de produtos do mar frescos, de tempada e equilibrados aos menús das escolas infantís e centros autonómicos ou a campaña para mellorar a conservación do medio mariño a través dos cambios nos hábitos de consumo.

Marta Villaverde subliñou a posición privilexiada da comunidade nesta transformación que marcará o desenvolvemento futuro grazas a un sector pesqueiro líder cunha facturación anual de 9.000 millóns de euros e cun carácter profundamente exportador, situando a Galicia como 11ª potencia mundial de produtos do mar. Un punto de partida que permite afrontar o impulso de mercados marítimos innovadores e o reforzo da sostibilidade das actividades marítimas con maiores garantías. Un proceso que necesariamente permitirá promover un crecemento social e económico máis xusto.

A conselleira do Mar sinalou a necesidade de tecer redes e fomentar a conectividade entre os actores clave para facilitar o desenvolvemento de proxectos que reforcen o papel da comunidade como referente da economía azul a nivel nacional e internacional. Iniciativas que deben servir para poñer en valor o mar como eixo de crecemento de futuro.

Imaxes relacionadas