Nova

Galicia defende na súa estratexia de economía azul un cambio enerxético xusto e sostible para o sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Esta folla de ruta da Xunta inclúe o desenvolvemento de axendas intersectoriais, a promoción de tecnoloxías para un sector naval con cero emisións, a especialización dos portos e a posta en marcha dunha plataforma de ensaio de enerxías renovables

Durante esta semana, a Autoridade Portuaria será o centro de debate e a de análise no que expertos debaterán sobre a uso responsable dos recursos, a acción exterior pesqueira, a pesca ilegal ou o patrimonio cultural marítimo

A Coruña, 7 de xullo de 2025

A Unión Europea está levando a cabo unha transición ecolóxica que inclúe aos mares e aos océanos, co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática en 2050. Un cambio de modelo que se enmarca no Pacto Verde Europeo, considerado unha estratexia integral que busca transformar aos Estados membros en rexións máis sostibles e xustas, a través do impulso de novas enerxías renovables -como a mariña- para reducir as emisións, a protección da biodiversidade, a xestión máis sustentable dos recursos, a aplicación de prácticas responsables e sen sobreexplotación, a redución da contaminación e a cooperación internacional para mellorar a calidade da auga e protexer a saúde dos ecosistemas mariños.

Un compromiso ao que Galicia non é allea, e que a Consellería do Mar materializa na súa Estratexia de Economía Azul, tal e como subliñou a conselleira, Marta Villaverde, na inauguración do curso A acción da Unión Europea na transición ecolóxica e dixital dos mares e dos océanos, que o Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña organizou por cuarto ano consecutivo na Autoridade Portuaria da cidade herculina.

Concretamente, a iniciativa impulsada polo Goberno galego recolle catro elementos que así o demostran: o desenvolvemento de axendas intersectoriais, a promoción de tecnoloxías que propicien unha cadea de valor no sector naval de cero emisións, a especialización dos portos como interfaces físicas de economía azul e de transición enerxética e a posta en marcha dunha plataforma de ensaio de enerxías renovables. Aspectos todos eles que contribúen ao proceso de descarbonización da actividade pesqueira e marisqueira e do transporte marítimo, pois en palabras de Villaverde, esta transición debe ser gradual, realista e asumible para o sector, combinando o respecto ao medio ambiente e asegurando a competitividade da cadea mar-industria.

E é que Galicia é a primeira potencia pesqueira europea e a undécima exportadora mundial de produtos do mar, polo que tamén será a rexión de toda a Unión que maiores recursos económicos precisará para realizar este cambio no tecido industrial marítimo-pesqueiro.

Desenvolvemento do curso

A acción formativa, que deu comezo hoxe e se prolongará ata o venres 11 xullo, supón unha oportunidade única para profundar no papel da UE nos procesos de transformación ambiental e tecnolóxica no ámbito marítimo. Está dirixida, preferentemente, a alumnos universitarios,  a estudantes que cursen un máster ou a doutorados das universidades españolas e estranxeiras.

Ao longo de toda a semana, distintos expertos analizarán e debaterán sobre cuestións tan relevantes coa materia como a protección e uso responsable dos recurso, a acción exterior pesqueira da UE, a pesca ilegal non declarada e non regulamentada ou o patrimonio cultural marítimo.

Imaxes relacionadas