Nova

Mar e Deputación de Pontevedra renovan a alianza para que os alumnos do IGAFA reciban formación no estranxeiro en acuicultura e mergullo

1 de 2
2 de 2

Desde marzo este instituto conta coa homologación internacional do IMCA en inmersións, situándose como o primeiro centro de España en contar con este recoñecemento

Pontevedra, 8 de xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron este martes o convenio de colaboración para que os alumnos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa)), se especialicen en acuicultura e nos labores de mergullo no estranxeiro.

A bolsa terá unha duración máxima de tres meses e consistirá na estancia dos beneficiarios en diferentes empresas con sede nalgún dos países especializados na materia. A colaboración está dotada con 15.000 euros, permitindo a capacitación dos estudantes deste centro, considerado un dos máis importantes do continente neste eido. Cada beneficiario recibirá ata un máximo de 3.000 euros co fin de mellorar a calidade da súa formación no estranxeiro. Este convenio entre ambas Administracióne vense asinando desde o ano 2011, sumando unha dotación económica de 165,000 euros.

Tal e como lembrou a responsable autonómica, este instituto obtivo recentemente (no mes de marzo) a homologación da súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas (TOSH) pola International Marine Contractors Association (IMCA), a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar.

Este distintivo outórgalle ao Igafa a condición de ser o primeiro centro público en alcanzar este recoñecemento en toda España, o que abre as portas ao alumnado a optar a oportunidades laborais noutros países. Unha distinción que é aval dos rigorosos estándares nacionais e internacionais, e que pon de relevo a calidade educativa dos centros de formación pesqueira de titularidade autonómica.

Recoñecido tamén no ano 2019 como Centro de Referencia Nacional, leva impartindo formación especializada nesta materia desde o ano 2001, saíndo como titulados desde ese ano máis de 200 profesionais.

Conta con salas equipadas, materiais e os instrumentos máis modernos, ademais de piscina interior e exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, campo de prácticas no mar, formadas por unha sala de acuaroloxía, talleres de soldadura e mecánica e varias embarcacións.

Na actualidade, oferta 12 prazas para un ciclo que ten carácter bianual e que ten unha inserción laboral do 100%. Esta opción formativa, desenvolvida co organismo provincial pontevedrés, complementa tamén os ciclos superior de Técnico en Acuicultura e medio de Cultivos Acuícolas.

Imaxes relacionadas