Nova

Portos de Galicia require por cuarta vez ao concello de Ribeira documentación preceptiva para poder autorizar as festas no peirao

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

Portos de Galicia, entidade adscrita á Consellería do Mar, realizou esta mañá un novo requerimento de documentación ao Concello de Ribeira para poder tramitar a autorización necesaria para a celebración das festas no porto da localidade en condicións de seguridade para as persoas e as propias instalacións portuarias.

Trátase dun cuarto requerimento logo dos envíos de documentación incompleta, errónea ou non válida por parte da Administración local, á que Portos de Galicia se dirixiu no mes de xaneiro, ao igual que ao resto de concellos portuarios, lembrándolle a necesidade de tramitar con dous meses de antelación estes permisos para comezar a montaxe da celebración que está prevista a partir do 27 de xullo.

Entre a documentación que a día de hoxe non foi aínda aportada polo Concello figuran os planos de localización das atraccións, escenarios, aseos e calquera outra instalación que se pretenda montar así como o plan de evacuación para caso de emerxencia e plan detallado de tráfico alternativo. Todos eles son documentos preceptivos para que Portos de Galicia poida outorgar a autorización segundo as condicións establecidas na lexislación vixente.

Pola súa banda, Portos de Galicia tramitou unha modificación da zonificación do solo portuario susceptible de acoller actividades recreativas para facilitar a instalacións dos feirantes. Este cambio na zonificación do solo é o primeiro paso imprescindible para posibilitar a celebración en condicións de seguridade para as persoas das festas en dominio público portuario.