Nova

Galicia alega ante o Ministerio o borrador da resolución que recorta nun 50% os topes de captura de sardiña para a frota de cerco, racú e piobardeira

A Consellería do Mar remite un escrito consensuado co sector no que sinala que esta decisión compromete a rendibilidade e estabilidade socioeconómica da frota cando o consumo de cota aínda está no 80%

Solicita adiantar un mes a data para o cálculo do sobrante de optimización para frota do Golfo de Cádiz que leva consumido só o 50% da cota e aplicar o mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca en favor da frota galega

Tamén se avoga por aplicar un intercambio de cota con Portugal dado que precisa de cotas doutras especies distintas ás que son obxectivo da frota do cerco, as cales poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025

Galicia remitiu un escrito este luns presentando alegacións ao borrador de Resolución da Secretaria Xeral de Pesca (SXP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que modifica a Resolución do pasado mes de marzo pola que se declara o inicio da pesqueira da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) en augas ibéricas da zona CIEM 8c e 9a e determinadas medidas de xestión para os buques de cerco, racú e piobardeira no caladoiro nacional Cantábrico e Noroeste para o 2025.

O documento recolle un recorte do 50% nos topes de captura de sardiña prevista para esta frota. Así, a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, en consenso co sector solicitou ao Ministerio que manteña os topes previstos na resolución do 18 de marzo. A Xunta alega que a proposta recollida no borrador prexudica a rendibilidade e estabilidade socioeconómica da frota cando o consumo de cota aínda está no 80%. Así, alegan factores de explotación e comercialización para sustentar a súa petición co obxectivo de garantir unha distribución adecuada das posibilidades de pesca.

No mesmo escrito, instan á SXP a adiantar un mes a data para o cálculo do sobrante de optimización para a frota do Golfo de Cádiz, que leva consumido polo momento só o 50% da cota. Tamén solicitan aplicar o mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca, establecido polo artigo 2 da Orde APA/315/2020, en favor da frota galega, computando as súas capturas á conta de dita cota desde o momento da súa autorización.

Por outra banda, avógase por aplicar o artigo 8 da Orde no relativo aos intercambios de cotas con outros Estados membros. Deste xeito, e en virtude dos valores de consumo establecidos ata a data, levalo a cabo con Portugal dado que o país veciño precisa de cotas doutras especies distintas ás obxectivo da frota do cerco, que poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas.

Reparto inicial

A Resolución do 18 de marzo establecía a partir do 1 de xuño un tope para os buques con 8 ou máis tripulantes enrolados ou máis de 40GT, que dispoñan de comunicación electrónica de datos de captura, 10.000 quilos por buque e semana, dentro dos cales só poderá haber 1.600 quilos de sardiña entre 11 e 15 centímetros. Con todo, non se superarán os 5.000 quilos por día e buque. Se os buques non dispoñen de dita comunicación electrónica, o tope queda establecido en 2.000 quilos por buque e día natural dentro dos cales só poderá haber 400 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros.

Para o resto dos buques que dispoñan de comunicación electrónica de datos de captura 6.800 quilos por buque e semana, dentro dos cales só haberá un máximo de 1.600 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros. Ademais, non se superarán os 3.400 quilos por día e buque. Se os buques non contan con comunicación electrónica, o tope será de 1.500 quilos por buque e día natural nos cales só haberá un máximo de 400 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros.