Nova
A Consellería do Mar impulsa a XXI Festa da Vieira de Cambados, que cada ano reúne a máis de 50.000 visitantes
A responsable autonómica destaca a importancia da celebración deste tivo de citas gastronómicas, pois contribúen a por en valor a actividade pesqueira como un dos motores económicos de Galicia
O apoio ao sector desta zona verase incrementado este ano con novas accións que se aproximan aos 2M€, e que están destinadas á xestión sostible dos recursos ou á remodelación de infraestruturas como a lonxa de Tragove e o acceso á illa das Goritas
Cambados (Pontevedra), 17 de xullo de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este xoves a Festa da Vieira de Cambados, que este ano chega á vinte e unha edición, consolidándose como un escaparate de promoción e exaltación dun dos produtos imprescindibles da cociña galega. Neste senso, a responsables autonómica defendeu a importancia da súa celebración, pois reforza a actividade marítimo-pesqueira como un dos motores económicos de Galicia, que xera emprego de calidade e sitúa á comunidade como rexión líder a nivel europeo e referente internacional.
Declarada Festa de Interese Turístico Galego por parte da Administración autonómica desde o ano 2013, e impulsada pola Confraría de Pescadores de San Antonio, a Consellería e o Concello, contará con distintas accións para enxalzar este produto estrela, que se comercializa no porto de Tragove. Deste xeito, o molusco será presentado de diversas maneiras, co fin de que os asistentes poidan desfrutar da súa calidade e extraordinario sabor. Unha experiencia completa que combinará ao longo destes catro días o produto local con propostas musicais e gastronómicas nun emprazamento con gran tradición mariñeira, e que cada ano reúne a máis de 50.000 persoas, o que dá testemuña do gran impacto económico que ten a extracción deste marisco na zona.
A calidade das augas da zona, a súa temperatura e a riqueza dos areais, fan que este produto destaque pola súa carne firme, abundante e saborosa, o que fai que sexa moi apreciada dentro e fóra das nosas fronteiras. Esta rula rexistrou en primeira venda no 2024 máis de 1 millóns de quilos de peixes e mariscos, alcanzando un valor no mercado superior aos 6,3 millóns de euros. Só de vieira, comercializáronse preto de 65.000 quilos por valor de preto de 400.000 euros.
Colaboración constante
O apoio á XXI edición deste encontro é un exemplo do compromiso inversor do Goberno galego co sector marítimo-pesqueiro desta comarca. Desde 2009 ata a actualidade a Consellería do Mar achegou 31 millóns de euros, que permitiron o desenvolvemento de distintos proxectos destinados ao impulso da competetitividade e da innovación tecnolóxica, á ordenación e protección dos recursos mariños, á mellora das infraestruturas portuarias e á execución das actuacións lideradas pola OPP, a confraría ou o GALP.
Así, ao longo deste ano están previstas novas actuacións por valor de preto de 2 millóns de euros. Son as seguintes: proxecto de xestión sostible dos recursos solicitado polo pósito de San Antonio (preto de 149.000 euros), recuperación do hábitat costeiro da Illeira-Sarrido (62.250 euros), remodelación da lonxa de Tragove (1.245.850 euros) ou a rehabilitación e aumento da vida útil do acceso á illa das Goritas, no porto de Cambados-Tragove (408.779 euros).