Nova
Villaverde destaca a xouba como un dos emblemas da calidade, versatilidade e sabor excepcional dos produtos pesqueiros de Galicia
A responsable autonómica puxo en valor a contribución da cita gastronómica á promoción do consumo dos alimentos do mar cunha traxectoria de tres décadas dedicadas a divulgar a cultura mariñeira da localidade
A comercialización da sardiña e xoubas xerou unha facturación de 16 millóns de euros no 2024 e conta cunha marca colectiva ‘Xouba de Rianxo Pesca Artesanal Arte do Xeito’ que ampara o bo facer dunha frota de máis de 220 embarcacións na ría de Arousa
A Xunta colabora no desenvolvemento do evento no marco da estratexia para incentivar a presenza do peixe e marisco nos fogares no que participan entidades do sector mediante convenios cun investimento este ano de máis de 1,4 millóns de euros
Rianxo (A Coruña), 22 de xullo de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no acto institucional que da inicio á XXX edición da Festa da Xouba de Rianxo. Alí, louvou a traxectoria deste evento gastronómico que enxalza a un dos produtos emblema da calidade, versatilidade e sabor excepcional dos produtos pesqueiros de Galicia. Unha cita que combina a mellor gastronomía amosando as múltiples maneiras de elaborar este peixe, como asado, frito, en escabeche ou en empanada.
A responsable autonómica puxo en valor a contribución da cita gastronómica á promoción do consumo dos alimentos do mar cunha traxectoria de tres décadas dedicadas a divulgar a cultura mariñeira da localidade. Nesta liña, destacou o protagonismo da carpintería de ribeira e o seu arraigo na zona como exemplo de posta en valor do patrimonio material e inmaterial vencellado ás actividades marítimas. Ademais, o programa recolle a proxección de curtametraxes finalistas do festival Mares da Fin do Mundo, unha mostra de cinema documental comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro.
No 2024 foron comercializadas 14.000 toneladas de sardiña e xoubas nas lonxas galegas xerando unha facturación de 16 millóns de euros. Cifras que poñen negro sobre branco a importancia comercial desta especie e o seu impacto económico no sector. Marta Villaverde resaltou neste ámbito a posta en marcha no 2023 dun selo de calidade propio coa marca colectiva Xouba de Rianxo Pesca Artesanal Arte do Xeito que ampara o bo facer dunha frota de máis de 220 embarcacións na ría de Arousa que utilizan esta arte de enmalle de deriva. Unha iniciativa que situou como modelo de revalorización dos produtos do mar na nosa comunidade.
Máis consumo
A Xunta colabora no desenvolvemento deste evento no marco da estratexia para incentivar a presenza do peixe e marisco nos fogares galegos. Un apoio aos eventos gastronómicos populares que é complementado co desenvolvemento doutras medidas de promoción en colaboración con máis dunha decena de institucións e entidades sectoriais cun investimento este ano de máis de 1,4 millóns de euros. Ademais, o Goberno galego está desenvolver accións como a campaña GALICIA SABE AMAR ou a posta en marcha do Bono Peixe. Iniciativas que contrastan co baixo compromiso e investimento do Goberno central fronte a un dos principais desafíos actuais do conxunto da cadea mar-industria.