Nova

Marta Villaverde anima desde Ribadeo ás peixerías a adherirse ao Bono Peixe, destacando que un terzo das existentes xa o fixeron

1 de 3
2 de 3
3 de 3

En tan só doce días sumáronse uns 500 establecementos a esta iniciativa, coa que a Xunta pretende mobilizar 10 millóns de euros e beneficiar a unhas 150.000 persoas

A conselleira analizou co alcalde da localidade os investimentos realizados e previstos desde 2024 por Portos de Galicia, que superan os 3 millóns de euros

Na que foi a primeira visita realizada á Mariña como responsable de Mar, Villaverde tamén mantivo un encontro coa confraría de pescadores

Ribadeo (Lugo), 23 de xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, animou desde Ribadeo ás peixerías galegas a seguir adheríndose ao Bono Peixe. O prazo para facelo iniciouse o pasado 11 de xullo e rematará coa fin do programa, a mediados do mes de outubro. Nestes doce días, un terzo (algo máis de 500) dos establecementos existentes (uns 1.600) xa se sumaron a esta iniciativa, dotada con 2,5 millóns de euros, e coa que a Xunta de Galicia prevé mobilizar uns 10 millóns de euros e beneficiar a unhas 150.000 persoas.

Os bonos, que se poderán comezar a usar dentro de cinco días, terán formato dixital e deberán ser descargados polos usuarios previamente na web http://www.bonopeixe.gal . Desde este momento, e a través dun código QR, estarán dispoñibles para o seu uso nunha aplicación específica que permita realizar os pagamentos. No momento da compra, os usuarios deberán ir acompañados do seu DNI ou indicar o seu número de teléfono móbil para certificar que son beneficiarios desta novidosa iniciativa deseñada polo Goberno galego, co fin de incentivar o consumo e de apoiar a actividade dos operadores comerciais minoristas, pero que son determinantes para garantir a seguridade alimentaria aos consumidores.

Villaverde lembrou que os usuarios poderán empregar 5 euros semanais (cun 25% desconto por compra, ata ese límite), coa posibilidade de acumular o saldo non gastado ata un máximo de 25 euros, e que poderá usarse en sucesivas semanas (máximo dez) ou ata que se esgote o crédito.

Ao igual que Mariscos Ribadeo, poderán seguir adheríndose aqueles establecementos que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, ben como persoas autónomas ou autorizados, dados de alta nos epígrafes do IAE recollidos na convocatoria e inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa) no seu caso. Trátase, segundo destacou a conselleira, dunha clara aposta polo sector, dirixido a incrementar o consumo dos produtos de altísima calidade que saen das nosas rías e que conteñen un alto valor nutritivo.

Visita institucional

Previamente, Marta Villaverde realizou unha visita institucional ao Concello, na que xunto ao alcalde, abordou os investimentos executados recentemente e os previstos polo seu departamento nas infraestruturas portuarias deste municipio costeiro. Concretamente, o compromiso inversor da Xunta, a través de Portos de Galicia, con esta localidade costeira desde 2024 ata a actualidade supera os 3 millóns de euros. Así, á dragaxe do porto, acometida o pasado ano por valor de 2,4 millóns, súmanse outras actuacións recentemente rematadas, como son a renovación das luminarias con tecnoloxía LED con control telemático e pavimentación dos portos de Ribadeo e Rinlo. Ademais, Portos de Galicia asinou un convenio co Concello de Ribadeo en virtude do cal o ente público financiará con 480.000 euros a reforma da rúa Buenos Aires no seu acceso ao peirao de Mirasol. Finalmente, están previstas para o porto de Rinslo, a substitución de varandas na ponte de acceso e o acondicionamento da rampla pesqueira.

Na que foi a súa primeira visita á Mariña como dirixente de Mar, Marta Villaverde tamén mantivo un encontro de traballo coa Confraría de Pescadores. Con esta xuntanza deu continuidade á rolda de contactos que está a ter coas distintas entidades e organizacións vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro para coñecer de primeira man as súas necesidades e estudar posibles vías de colaboración.

Imaxes relacionadas