Nova
A Xunta impulsa a economía azul coa realización de cursos de capacitación en Pescaturismo e Turismo mariñeiro
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca que estas iniciativas contribúen ao desenvolvemento de novos proxectos que afonda na sustentabilidade e diversificación das economías costeiras
Nestas accións formativas participaron 19 armadores e 11 redeiras que recibiron unha formación teórica de 20 horas e unha parte práctica cunha visita a un proxecto en activo que foron completadas con titorías especializadas
Porto do Son (A Coruña), 23 de xullo de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou no acto de entrega de diplomas dos cursos de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo financiados pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Costa Sostible. Alí, puxo en valor as oportunidades que ofrece a actividade turística vencellada á actividade marítima no ámbito da economía azul. Por iso, destacou a importancia de que sexan realizadas este tipo de accións formativas para capacitar aos profesionais e facilitar a posta en marcha de novos proxectos nos que a cultura marítima constitúe un atractiva de alto valor.
A responsable autonómica resaltou que o Turismo Mariñeiro e o Pescaturismo abre novas vías de dinamización e diversificación das economías costeiras o que axuda a enfrontar o reto da remuda xeracional. Por outro lado, valorízase o patrimonio vencellado ás actividades pesqueiras dun xeito sustentable actuando como auténticos embaixadores do mar de Galicia e contribuíndo a garantir o seu presente e futuro.
Nestas accións formativas, enmarcadas no Plan de Animación do Galp Costa Sostible para o 2025, participaron 19 armadores da Confraría de Pescadores de Porto do Son e 11 redeiras, tres da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, e oito da Asociación de Redeiras Virxe do Carme de Porto do Son. Estes cursos dan continuidade a unha liña de traballo que permitiu a realización de seis cursos no 2024, catro para o marisqueo a pé e dous de pescaturismo nos que se formaron un total de 76 persoas, 39 de Noia e 38 de Muros. Ademais, realizouse unha visita de estudo a Palamós, referente no eido do turismo mariñeiro, onde foi posible coñecer a colaboración entre o sector pesqueiro e o público nas distintas actividades.
Un labor que tamén axudou a xerminar o proxecto Azul de Portosín de Turismo Mariñeiro, promovido pola confraría e o Concello, que pretende converter o porto de Portosín nun referente no turismo de embarques e a economía azul.