Nova
Portos de Galicia contrata por 540.000 euros as obras de instalación de novos departamentos para o sector profesional de Sanxenxo
A actuación, que ten un prazo de execución de 4 meses, prevé a dotación de 14 novos locais para almacenamento de pertreitos dos mariñeiros con especial atención á integración desta actividade nunha contorna marcadamente turística
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2025
Portos de Galicia, ente público adscrito á Consellería do Mar, asinou o contrato para a instalación de novos departamentos para o sector profesional de Sanxenxo, unha actuación na que investirán 540.000 euros e cuxo prazo de execución previsto é de 4 meses desde a sinatura da acta de inicio.
A actuación contempla a dotación de 14 departamentos en dúas aliñacións, separados por unha rúa e situados nunha superficie duns 300 metros cadrados que actualmente está destinada parcialmente a almacenaxe de enseres dos mariñeiros. O proxecto presta especial atención á integración desta actividade nunha contorna marcadamente turística.
Os departamentos que se proxectan serán modulares, con case 19 metros cadrados de superficie, a excepción dun de 26, e non superarán os 3 metros de altura. Serán executados mediante paneis de formigón prefabricado de fácil montaxe e desmontaxe e contarán con porta de acceso de anchura completa e dous ocos circulares para iluminación e ventilación natural.
Finalmente, os novos departamentos estarán provistos de cadro eléctrico, toma de corrente e iluminación LED, ademais de contar con conexión á rede de saneamento e provisión de auga sanitaria, con contador independente. Con estas obras Portos de Galicia une a resposta ás necesidades do sector profesional cunha maior orde visual na zona.