Nova

Villaverde aborda coa Federación Galega de Redeiras a situación das profesionais e analizan posibles liñas de colaboración cara afrontar a remuda xeracional

A titular de Mar puxo en valor o labor da entidade en favor deste colectivo que xoga un papel esencial no sector pesqueiro subministrando un servizo esencial á frota

O impacto da nova normativa relativa a aparellos de pesca na súa actividade ou a desprotección destas traballadoras no marco da lei de Pesca estatal e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura, foron outros dos asuntos abordados

Santiago de Compostela, 26 de xullo do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro de traballo con representantes da Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ para abordar a situación do colectivo e analizar o impulso de novas accións de colaboración cara afrontar o reto da remuda xeracional. A responsable autonómica, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, resaltou a contribución destas traballadoras á competitividade do sector pesqueiro dado o seu importante papel na confección e reparación das artes de pesca da frota.

Nesta liña, Marta Villaverde compartiu coas representantes da entidade a necesidade de estudar o impacto dos cambios normativos relativos aos aparellos así como de combater o intrusismo nesta actividade profesional. Nesta liña, tamén trataron a desprotección destas traballadoras por parte da Lei de Pesca estatal e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura fronte a medidas como as vedas de cuxas compensacións económicas están excluídas a pesar a pesar do seu impacto na reparación das artes de pesca.

A titular de Mar e a entidade coincidiron na necesidade de impulsar un encontro co sector no que fornecer sinerxías que permitan impulsar o desenvolvemento deste oficio nas mellores condicións e, á vez, garantir a prestación dun servizo esencial para a frota. Unha liña de traballo que está sendo complementada por parte da Federación co estudo de novos mercados noutros puntos da xeografía española.

Colaboración autonómica

A Consellería do Mar mantén unha estreita colaboración coa Federación de Redeiras mediante o apoio económico a súas iniciativas e a súa actividade. Así, a comezos de ano foi asinado un convenio co obxectivo de contribuír á financiación da súa actividade en favor destas profesionais que se suma ao apoio do Instituto Galego de Seguridade Laboral para mellorar as condicións de traballo e previr doenzas relacionadas coa súa actividade  avanzando na implementación dun programa específico de inspección laboral para as redeiras galegas.