Nova
A Xunta apoia a XXXIX Feira do Bonito de Burela, unha cita gastronómica consolidada no verán da Mariña
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén patrocina o concerto do artista Enol, que terá lugar na zona portuaria da localidade
Burela (Lugo), 28 de xullo de 2025
A XXXIX edición da Feira do Bonito de Burela foi presentada hoxe como un dos grandes referentes gastronómicos e culturais do verán na Mariña Lucense, consolidada grazas ao recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego e co respaldo institucional da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, da Consellería do Mar e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O evento celebrarase o vindeiro sábado 3 de agosto na explanada portuaria, cun amplo programa de actividades culturais, gastronómicas e musicais, dirixidas a todos os públicos.
A Xunta volve mostrar o seu compromiso co impulso do turismo sustentable e de calidade na Mariña lucense, apoiando esta celebración que pon en valor a excelencia do peixe de Burela e a súa tradición mariñeira. No marco da feira, celebrarase tamén o concerto do recoñecido artista Enol, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reforzando así a oferta musical e dirixida á mocidade, nun evento que combina gastronomía, tradición e novas expresións culturais.