Nova
Portos de Galicia autoriza ao Club Náutico de Beluso a ocupación de 20 departamentos e servizos múltiples para pañol e vestiarios da escola de vela
Con este trámite, o ente público, dependente da Consellería do Mar, renova á entidade deportiva este permiso por outros catro anos
Santiago de Compostela, 03 de agosto de 2025
Portos de Galicia, vén de outorgar a autorización administrativa que lle permite ao Club Náutico de Beluso a ocupación de 20 departamentos e servizos múltiples de titularidade do ente público para o desenvolvemento da actividade de pañol e vestiarios da escola de vela. En total, 259 metros cadrados.
Con este trámite, o ente público, dependente da Consellería do Mar, renova á entidade deportiva este permiso por outros catro anos. O título administrativo contempla a aplicación da Lei 6/2003, de 9 de decembro, no que respecta ás taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
O porto de Beluso atópase a 1,5 quilómetros de Bueu. Dispón dunha superficie de 56.772 metros cadrados, dos que 12.711 son terrestres e 44.061 de lámina de auga. Está protexido por un dique de abrigo duns 200 metros de lonxitude, formado por dúas aliñacións. A primeira, duns 130 metros e, a segunda, formando un ángulo de 50º respecto á aliñación anterior, dispón dunha lonxitude de 70 metros. Desde o vial anexo á primeira aliñación do dique accédese a tres pantaláns de atraque de embarcacións, dos que os dous primeiros son de uso náutico-deportivo e o terceiro de uso pesqueiro. Conta cunha explanada duns 6.900 m2, sobre a que se atopan dúas áreas de aparcadoiro, cun total de 55 prazas.