Nova
O delegado territorial de Pontevedra destaca o éxito do Bono Peixe que xa conta con preto de 1.400 descargas no concello de Vilagarcía e máis 44.000 en toda a provincia
Reguera visitou a Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa para coñecer de primeira man as sensacións das praceiras
Vilagarcía de Arousa, 5 de agosto de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa na que comprobou o éxito que está a ter o Bono Peixe entre as praceiras e os usuarios con preto de 15 establecementos adheridos na cidade e 280 na provincia de Pontevedra.
O representante autonómico destacou os datos deste bono que esta mañá xa contaba con preto de 1.400 descargas no concello de Vilagarcía de Arousa e máis de 44.400 en toda a provincia. Neste sentido, o delegado sinalou o “éxito que está a demostrar esta iniciativa que non só fomenta unha alimentación máis saudable, senón que ademais está a potenciar as ventas das praceiras e praceiros”.
Ademais, indicou que estes números poden medrar nos vindeiros días xa que o prazo de adhesión continúa aberto ao longo de toda a vixencia do programa de fomento do consumo.
Estes bonos permiten aos consumidores acceder a descontos do 25 % nas súas compras ata un máximo de 5 euros semanais. No caso de non facer uso de parte do saldo, poderase acumular nas sucesivas ata un máximo de 25 euros. A campaña conta cun orzamento total para toda Galicia de 2,5 millóns de euros.
O delegado indicou que, ademais de beneficiar a saúde da cidadanía, consumir os produtos do mar de xeito frecuente contribúe a reforzar a cadea mar-industria, á vangarda tecnolóxica e referente internacional en sostibilidade. Un sector cun gran impacto en termos de emprego dado que por cada traballador no mar, xéranse entre 7 e 10 postos de traballo en terra.