Nova
A Xunta aplaude as iniciativas do sector pesqueiro para promocionar a calidade dos produtos do mar galego
Ferrol, 5 de agosto de 2025
O director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participou esta tarde na xornada de showcooking adicada á ameixa rubia celebrada no centro cultural Torrente Ballester, na que puxo en valor a calidade e as propiedades gastronómicas do peixe e mariscos galegos. Rial aplaudiu a celebración de este tipo de eventos para difundir e promocionar os produtos do mar galego, nesta ocasión, esta especie de bivalvo que ten gran importancia para o sector marisqueiro ferrolá. Nesta liña, destacou a importancia de consumir os produtos locais e de proximidade, así coma do éxito que está a ter esta primeira campaña do Bono Peixe na bisbarra, accións fundamentais para o desenvolvemento económico do territorio.
Esta iniciativa, que se realizou coa colaboración do GALP Golfo Ártabro Norte, a Consellería do Mar e a confraría de Ferrol, contou coa participación do chef galego, pertencente ao Grupo Nove, Iván Domínguez, que foi o encargado de realizar as elaboracións ca ameixa rubia da ría, á vez que foi explicando as claves das diferentes técnicas de preparación e as calidades do produto. Para finalizar, os asistentes tiveron a oportunidade de participar na degustación no que o produto da ría de Ferrol foi o gran protagonista.