Nova
A campaña GALICIA SABE AMAR chega a Sada co mellor sabor das rías galegas
A delegada da Xunta visitou a foodtrucks na que lembrou que o peixe, o marisco e as conservas son unhas fontes excepcionais de proteína cun importante impacto positivo na saúde da cidadanía
Sada (A Coruña), 06 de agosto de 2025
A campaña GALICIA SABE AMAR continúa coa súa peregrinación por todo o territorio galego sumando novos concellos nesta nova edición. Esta iniciativa leva o mellor sabor do mar dun xeito novidoso, grazas a catro foodtrucks, á vez que se divulga os beneficios para saúde que hai detrás do consumo destes alimentos.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, achegouse hoxe á gastroneta que visitou o concello de Sada na que resaltou a importancia de reforzar a promoción dos produtos pesqueiros nun contexto de progresivo descenso da presencia do peixe, do marisco e das conservas na cesta da compra da cidadanía. Neste senso, destacou a relevancia desta campaña que están chegando a todos os rincóns de Galicia, concretamente, nos últimos días as foodtrucks estiveron nos concellos de Boiro, Corcubión, Fisterra, Vimianzo e Santiago de Compostela. Ademais, adiantou que o xoves, 7 de agosto, estarán en Brión e Bergondo, e o venres, 8 de agosto, en Miño e Rois.
A responsable autonómica subliñou que a nosa comunidade conta cun produto de excelente calidade provisto dunhas propiedades nutricionais e culinarias únicas. Nesta liña, recalcou que “iso é posible grazas ao traballo das xentes do mar que día tras día fan posible que os tesouros do mar de Galicia rematen no nosos pratos”.
Por último, reiterou o compromiso da Xunta de seguir traballando na promoción dos alimentos mariños e lembrou que o peixe, o marisco e as conservas son unhas fontes excepcionais de proteína cun importante impacto positivo na saúde da cidadanía. Ademais, recordou o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia na que traballan ao redor de 50.000 persoas da comunidade e que representa entorno ao 5% do PIB autonómico.