Nova

Mar e Amicos afondan na restauración da biodiversidade mariña da ría de Arousa co proxecto Arousa-Lab

1 de 5
2 de 5
3 de 5
4 de 5
5 de 5

Con esta actuación, a Xunta e a entidade social intensifican a colaboración para a inclusión de boas prácticas dirixidas á recuperación dos recursos pesqueiros e marisqueiros

Marta Villaverde acompañou aos integrantes deste colectivo na sementeira de medio cento de laminarias nos arredores da illa de Sálvora, unha actuación que Amicos está a levar a cabo conxuntamente coa confraría de Carreira e Aguiño

Boiro (A Coruña), 13 de agosto do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este mércores coa presidenta da asociación Amicos, María Esther Vidal, o convenio, dotado con 70.000 euros, para seguir afondando na potenciación da restauración da biodiversidade e no fomento da cultura mariñeira na ría de Arousa, a través da inclusión e de boas prácticas encamiñadas á recuperación e conservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

Este acordo, que se inclúe na iniciativa Arousa-Lab, pertencente ao proxecto matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), e impulsado polo departamento que dirixe Villaverde  busca poñer en valor accións orientadas a incrementar a sensibilización local arredor de solucións baseadas na natureza que contribúan a mellorar o estado ambiental das nosas rías e a protección ecosistémica. Son medidas entendidas como xeitos de protexer e manter os recursos do sector pesqueiro e marisqueiro, e defender as artes de pesca que contribúen á sustentabilidade dos recursos locais.

Para a Xunta, indicou a conselleira, esta iniciativa é de enorme interese, pois ten un gran valor social, inclusivo e mobilizador da comunidade para a cooperación nunha visión de futuro sustentable da ría e, por extensión, da costa galega. Contribúe a valorizar o patrimonio cultural e natural, así como á promoción de iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade dos recursos pesqueiros, marisqueiros e do litoral.

Arousa-Lab, tramitado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro no marco do citado proxecto, e financiado por Horizonte Europa, inclúe así, ademais de accións de restauración, outras de sensibilización con axentes sociais, escolas e outras asociacións sobre a biodiversidade, abordando os residuos mariños e a protección dos ecosistemas dunais asociados ao Parque Nacional Illas Atlánticas e/ou Parque Natural de Corrubedo.

Unhas 2.000 laminarias

Posteriormente, a conselleira, convidada pola entidade social, acompañou aos representantes da mesma na solta de medio cento de laminarias na illa de Sálvora, enmarcada no proxecto que esta asociación está a levar a cabo coa confraría de pescadores de Carreira e Aguiño, e que tamén combina o fomento da inclusión social coa recuperación dos hábitats mariños.

Esta acción, segundo explicaron desde Amicos, conta coa cooperación da Universidade de A Coruña, os Institutos de Ciencias do Mar do CSIC de Barcelona e de Vigo, e consolida unha aposta conxunta que busca asegurar a saúde e a produtividade da ría de Arousa para as xeracións futuras.

Deste xeito, tal e como informaron, ao remate deste proxecto, uns 2.000 destes soportes de algas pardas serán sementados no espazo marítimo-terrestre que conforma o único Parque Nacional de Galicia, o das Illas Atlánticas.

Imaxes relacionadas