Nova

A Xunta concede á confraría de Bueu unha axuda de 139.000 euros para mellorar os servizos de comercialización a través da lonxa

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca que o pósito foi beneficiario estes dous últimos anos de máis de 280.000 euros en apoios autonómicos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo

A visita de Ángeles V. Suárez, enmarcada no estreito e fluído diálogo do Goberno galego cos representantes do sector, tamén serviu para analizar as demandas dos profesionais do mar desta zona do litoral galego

Bueu (Pontevedra), 19 de agosto de 2025

A directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, realizou hoxe unha visita á lonxa de Bueu para coñecer os proxectos realizados polo pósito ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Alí destacou que este mesmo ano a Confraría de Bueu foi beneficiaria destes apoios autonómicos para o desenvolvemento dunha iniciativa de mellora dos servizos de comercialización da  pesca costeira artesanal realizando unha completa renovación das instalacións de estabulación do marisco para incluír criterios de eficiencia enerxética e dos recursos.

Esta acción, que suporá un investimento de 139.000 euros, ten como obxectivos poñer en valor a importancia da pesca artesanal, a través da divulgación da sustentabilidade e da importancia desta actividade extractiva así como concienciar da importancia da conservación do medio para garantir a sustentabilidade dos recursos. Tamén facilitar a comprensión da contorna da lonxa aos escolares e a tódalas persoas coa guía didáctica “Ondas e redes: a viaxe do mar á terra”, traballando dende o contexto mariñeiro e abordando dende o día a día na lonxa ata métodos e estratexias para coidar os nosos litorais e océanos. Ademais, pretende visibilizar o papel da muller no sector pesqueiro cunha xornada de homenaxe organizada por AMEI Ría de Pontevedra.

A directora xeral destacou que o pósito foi beneficiario desta liña de axudas no 2024 por importe de máis de 141.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no proceso de clasificación do polbo e a accesibilidade da lonxa. O proxecto permitiu dotar a rula dunha nova máquina de clasificado de cefalópodos en resposta ás necesidades actuais do sector. Por outra banda, supuxo insertar un novo programa informático para a unidade de clasificado que se incorpore ao sistema de xestión existente no resto da lonxa, co fin de mellorar a trazabilidade do produto e permitir obter un maior número de datos de capturas.

A visita de Ángeles V. Suárez, enmarcada no estreito e fluído diálogo do Goberno galego co sector, tamén serviu para analizar as demandas dos profesionais do mar desta zona do litoral galego. Nesta liña, puxo en valor a colaboración entre a administración autonómica  e o sector no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade. Un traballo conxunto que fixo posible a realización de novos investimentos nas infraestruturas portuarias da localidade cun investimento de preto de 175.000 euros desde o 2023 e que permitirá este ano o desenvolvemento dun centro de lavado de caixas con hidrolimpiadora estacionaria.

Imaxes relacionadas