Nova
Villaverde destaca o papel na promoción dos produtos pesqueiros de citas gastronómicas como Gastromar para incentivar o seu consumo entre a cidadanía
A responsable autonómica puxo en valor a importancia estratéxica do porto de Ribeira na pesca de baixura así como a excelencia e propiedades nutricionais do peixe e marisco galegos, máximos expoñentes da Galicia Calidade
Tamén resalta as Prazas de Abastos como puntos clave na comercialización dos produtos pesqueiros frescos, alimentos que o Goberno galego promove o seu consumo con medidas innovadoras como o Bono Peixe
Ribeira (A Coruña), 22 de agosto de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na inauguración da IV edición da Feira Gastromar organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira e que porá en valor os produtos do mar ata o vindeiro 24 de agosto. Alí, a responsable autonómica destacou a colaboración da Xunta con esta entidade e o papel deste tipo de eventos á hora de promocionar a calidade do peixe, marisco e conservas galegos e incentivar o seu consumo entre a cidadanía.
Marta Villaverde puxo en valor a importancia estratéxica do porto de Ribeira na pesca de baixura a nivel continental así como a excelencia e propiedades nutricionais excepcionais dos alimentos do mar, máximos expoñentes da Galicia Calidade. Por iso, resaltou a relevancia de divulgar esas calidades entre os consumidores reivindicando a dieta atlántica como sinónimo de saúde e calidade de vida. Unha liña de traballo que tamén permite dinamizar o hostalaría local favorecendo o intercambio de coñecemento e a innovación nas elaboración destes produtos.
Nesta liña, a titular de Mar recordou que a Xunta vén colaborando coa celebración desta feira desde a súa primeira edición cunha clara aposta pola promoción dos produtos locais e de proximidade. Tamén sinalou que estas citas culinarias contribúen a visibilizar as bondades culinarias dos produtos capturados pola frota e comercializados na lonxa de Ribeira así como a oferta existente na súa praza, reforzando a súa función como punto de venda de proximidade, promovendo o consumo responsable e apoiando á economía local.
Marta Villaverde destacou o papel das Prazas de Abastos como puntos de venda, clave na comercialización dos produtos pesqueiros frescos galegos, ofrecendo estes alimentos nas mellores condicións aos consumidores. Un labor que ten especial impacto na promoción do consumo, unha liña de traballo na que esta afondando a Xunta con campañas como GALICIA SABE AMAR e con medidas innovadoras como o Bono Peixe, do que xa foron descargados máis de 163.000, e que supera os 730 establecementos adheridos en toda Galicia.