Nova
A Xunta lamenta os 4 anos de parálise na dragaxe do Lérez pola decisión de Transición Ecolóxica de pechar o punto de vertido que agora autoriza a unha milla do anterior
Portos de Galicia recibiu o informe do Ministerio no que reitera que o punto E8 empregado ata 2021 “non conlevaría unha afección negativa” pero prioriza o B, situado a 1,8 quilómetros
O ente autonómico xa iniciou os trámites que permitan comezar a avaliación ambiental para a posterior redacción e licitación das obras
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia lamenta profundamente os catro anos de parálise imposta polo Ministerio de Transición Ecolóxica a 16 obras de dragaxe no litoral sur da comunidade e de xeito sinalado á dragaxe do río Lérez pola decisión trasladada en abril de 2021 de non autorizar máis vertidos no punto E8, no exterior de Sálvora. Logo de recibir o informe no que a Subdirección Xeral de Biodiversidade prioriza o punto B situado a unha milla do E8 pese a validar tamén o propio punto E8 e constatar que “non conlevaría unha afección negativa”, a Xunta de Galicia reitera o perxuízo causado pola decisión do Estado a unha obra demandada reiteradamente pola comunidade portuaria de Pontevedra, confrarías, club naval, Concello e por acordo unánime de Parlamento de Galicia.
O informe do MITECO que valida o uso das 3 zonas de vertido avaliadas (E8, B e D) ven determinado polo informe do CEDEX, o organismo técnico estatal de maior prestixio en materia de dragaxes, remitido ao MITECO o pasado mes de abril. Dito informe do CEDEX baséase á súa vez no traballo de campo realizado pola comisión integrada por Portos de Galicia, as Autoridades Portuarias do Estado en Galicia e o propio CEDEX ao longo dos últimos catro anos para elaborar o estudio de alternativas solicitado polo MITECO no momento da clausura do punto E8 en 2021.
Con todo, Portos de Galicia xa iniciou os trámites necesarios para comezar coa a avaliación ambiental do proxecto -que inclúe redacción de estudio de impacto ambiental, información pública e solicitude de informes oficiais ás distintas administracións e entidades implicadas, incluíndo a Administración Xeral do Estado- para a posterior redacción do proxecto de obra e licitación.