Nova
M. Allegue pon en valor a rede de sendas da Xunta para acadar unha costa máis transitable en Poio
Poio (Pontevedra), 28 de agosto de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participou esta mañá no acto oficial de inauguración da 24º edición da Festa do Mar de Combarro, no concello de Poio.
María M. Allegue expresou a súa gratitude por participar nesta festa mariñeira, “nun lugar único no mundo, a xoia mariñeira das Rías Baixas”, da que destacou é moito máis cun evento lúdico, “senón de posta en valor dun xeito de vida que forxa carácter. O carácter dunha Comunidade que coida con orgullo as súas tradicións”.
A conselleira aproveitou tamén a súa participación na inauguración para reafirmar o compromiso da Xunta de Galicia con Combarro e co seu conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural, que conta cunha declaración de ARI (Área de Rehabilitación Integral) que lle permitiu contar cun apoio económico de preto de 2M€ para rehabilitación de vivendas.
Tamén puxo en valor, no seu conxunto, o compromiso da Xunta co concello de Poio a través do traballo do departamento que dirixe en materia de mobilidade sostible, nas estradas PO-308, e na PO-303, e a aposta por unha costa transitable en Poio grazas as sendas rematadas entre Fontenla e Combarro e a continuación ata Covelo, que se atopa en estudio. M. Allegue destacou tamén a senda na PO-303 en Samieira, que dará continuidade no futuro ao tramo onde rematan as beirarrúas, ata o núcleo Arén.