Nova
A Xunta e o CB Breogán colaboran na promoción dos produtos do mar da man da campaña autonómica ‘GALICIA SABE AMAR’
O Goberno galego patrocina o encontro de inicio da preparación da nova tempada que enfrontará ao equipo lucense co FC Porto, actual subcampión da Liga portuguesa
A conselleira do Mar destaca a importancia de divulgar as propiedades nutricionais do peixe e marisco e os beneficios que presenta o seu consumo así como o seu impacto nun sector estratéxico para a comunidade
A responsable autonómica puxo en valor que esta iniciativa súmase a outras medidas de incentivo como o Bono Peixe co obxectivo de fomentar a presenza destes alimentos na cesta da compra da cidadanía
Lugo, 29 de agosto de 2025
A Consellería do Mar e o CB Breogán colaboran na promoción dos produtos pesqueiros da comunidade e fomento do seu consumo a través da campaña GALICIA SABE AMAR. O Goberno galego patrocina o encontro de inicio da preparación da nova tempada que enfrontará o vindeiro domingo ao equipo lucense co FC Porto, actual subcampión da Liga portuguesa, no Pavillón Municipal de Viveiro. Así o explicou a responsable deste departamento autonómico, Marta Villaverde, na rolda de prensa de presentación deste evento deportivo na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral do club, Salva Arco.
A titular de Mar destacou a importancia de divulgar as propiedades nutricionais do peixe e marisco galegos e os beneficios que presenta o seu consumo para o benestar da cidadanía. Uns alimentos que representan un dos piares da dieta atlántica e que resaltan polo seu sabor e calidade. Nesta liña, puxo en valor a conexión entre a práctica deportiva e os produtos pesqueiros como sinónimos de hábitos de vida saudables.
Marta Villaverde recordou que consumir peixe fresco e apostar por un sector estratéxico para Galicia, referente internacional en sostibilidade e respecto pola conservación dos recursos mariños. Un bo facer dos profesionais que tamén gaña visibilidade con esta iniciativa autonómica que brinda unha particular celebración do Día do Mar nunha localidade eminentemente mariñeira como Viveiro.
A conselleira destacou o papel do Breogán, na súa condición de club de elite e único equipo galego na máxima categoría do baloncesto español, como embaixador de excepción para os produtos pesqueiros da comunidade. Un labor que permite afondar nas medidas de incentivo do consumo postas en marcha pola Xunta, entre as que destaca o actual Bono Peixe, co obxectivo de incrementar a presenza destes alimentos esenciais na cesta da compra de todos galegos e galegas.