Nova
Villaverde aborda coa confraría de Vilaboa as necesidades do sector e analiza o desenvolvemento de novas medias de reforzo da actividade pesqueira
A responsable autonómica puxo en valor a colaboración do pósito coa Xunta que permitiu a realización de iniciativas co obxectivo de mellorar os equipamentos portuarios ou a rexeneración dos bancos marisqueiros
Está previsto que este outono remate as obras de mellora das instalacións de atracada para bateeiros no porto de San Adrián de Cobres nas que Portos de Galicia investiu 1,7 millóns de euros
A entidade foi das primeiras en incorporarse ao programa de xestión “Lonxas galegas 4.0” que permite a rastrexabilidade e xestión completa de toda a información desde a pesada ata á propia poxa e a facturación posto en marcha no 2018
Vilaboa (Pontevedra), 02 de setembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a Confraría de Vilaboa co obxectivo de abordar as necesidades singulares do sector nesta zona da ría de Vigo e analizar o desenvolvemento de novas medidas que permitan reforzar a actividade pesqueira e marisqueira. No encontro, a responsable autonómica enxalzou a importancia da labor destas entidades na xestión dos recursos mariños na comunidade. Tamén puxo en valor a súa colaboración coa Administración autonómica no desenvolvemento de accións que permitan afondar na competitividade e sostibilidade dunha actividade económica estratéxica para Galicia.
Marta Villaverde, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, inicia na súa localidade natal unha ampla axenda de reunións coas diferentes confrarías co obxectivo de coñecer de primeira man as particularidades e demandas dos profesionais do mar nas diferentes partes do litoral galego. Unhas xuntanzas que a titular de Mar enmarca na cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade. Un modelo de éxito que permitiu o desenvolvemento de distintas iniciativas nesta localidade pontevedresa dirixidas á mellora dos equipamentos portuarios ou á rexeneración dos bancos marisqueiros.
Entres os proxectos realizados nos últimos anos neste ámbito, que suman un investimento de 260.000 euros, destacan as melloras na lonxa con novos contedores de xeo, substitución dos portóns ou a vindeira instalación dunha bomba de auga salgada ao abeiro das liñas de axuda autonómicas. Esta última actuación permitirá garantir que as capturas sexan comercializadas en óptimas condicións hixiénico-sanitarias e cunha presentación máis atractiva, repercutindo na súa revalorización. A Xunta tamén financiou diversas iniciativas para a xestión e conservación dos hábitat costeiros, a recollida de lixo mariño e restauración e remoción do substrato dos bancos marisqueiros.
Outras accións
Por outra banda, Marta Villaverde puxo en valor a obra de mellora das instalacións de atracada para bateeiros no porto de San Adrián de Cobras, que están moi avanzadas e que está previsto que finalicen este outono. Esta actuación, na que Portos de Galicia inviste 1,7 millóns de euros, supón a instalación dun dique de abrigo flotante de formigón e a dotación de 16 prazas de amarre para embarcacións mexilloeiras con esloras de 12 a 22 metros. As prazas disporán de fingers de atraque e contarán con conexión de auga, luz e alumeado.
Nesta liña, a conselleira do Mar tamén destacou como fito na colaboración entre o pósito e o Goberno galego a incorporación desta confraría ao programa de xestión “Lonxas galegas 4.0”. Esta iniciativa, impulsada pola Consellería en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), permite a rastrexabilidade e xestión completa de toda a información desde a pesada ata á propia poxa e a facturación. Trátase dun programa totalmente dixitalizado, que permite o acceso en remoto tanto para os operarios das lonxas e confrarías como para os compradores, que poden coñecer os produtos que van a ser poxados, así como todos os detalles das vindeiras poxas, sen estar presentes na lonxa.