Nova

A Xunta acorda coa Confraría da Coruña un novo estudo de batimetría e insta ao Estado a corrixir as deficiencias na obra de dragaxe da ría do Burgo

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou nun novo encontro a tres bandas convocado polo pósito no que se volveu a ausentar o Goberno central, promotor da actuación nestes bancos marisqueiros  

Ángeles V. Suárez trasladou o apoio ás demandas da confraría fronte ao reiterado incumprimento da declaración de impacto ambiental da obra que sinala o cese da actividade marisqueira alcanza ata que os bivalvos acaden talla comercial

A Coruña, 3 de setembro de 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe nun novo encontro a tres bandas convocado pola Confraría da Coruña para abordar a situación da Ría do Burgo despois das obras de dragaxe promovidas polo Goberno central. Unha vez máis, non acudiu ningún representante do Estado, o que, para a responsable autonómica, manifesta o absoluto desleixo e falta de sensibilidade do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) cos profesionais afectados.

No encontro acordouse a elaboración proximamente dun novo estudo de batimetría por parte da Consellería do Mar que permita evidenciar os erros recollidos na impulsada polo propio Miteco. Nesta liña, recordou que en outubro do 2024 a confraría remitiu a Costas do Estado unha proposta de traballos para corrixir os efectos negativos sobre o substrato dos bancos marisqueiros debidos á dragaxe. O documento tamén recollía actuacións a realizar polo propio pósito para a recuperación produción. A proposta, que conta co aval dos servizos técnicos da Consellería, non obtivo ningunha resposta por parte do Ministerio.

 A directora xeral manifestou o apoio do Goberno galego ás demandas da confraría fronte a negativa do Estado a aboar as compensacións económicas ás persoas mariscadoras afectadas polas obras da dragaxe da ría do Burgo. Unha postura que contradí o establecido na declaración de impacto ambiental desta actuación, publicada no BOE o 27 de setembro do 2017, que sinala que o cese da actividade marisqueira inclúe o período que transcorre desde que finalizan as obras ata que os bivalvos sementados acaden tamaño comercial.