Nova

Villaverde recibe á federación de produtores mexilloeiros da Ría de Arousa para analizar as súas necesidades e estudar liñas de colaboración

1 de 2
2 de 2

A titular de Mar recibiu a representantes da entidade creada este ano e que representa preto do 40% das 3.300 bateas instaladas na comunidade, a maioría concentradas nas Rías Baixas

A responsable autonómica puxo en valor o traballo conxunto cos produtores para afrontar os desafíos actuais como a valorización do produto ou o impacto do cambio climático e destacou o papel que xogan os centros de investigación autonómicos

Galicia é a maior produtora de mexillón de Europa, representando o 44,6%, cunha produción que roldou os 179.000 toneladas e unha facturación de supera os 128 millóns de euros no 2024, situando a España como terceira produtora mundial

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un primeiro encontro de traballo con representantes da Federación de Produtores Mexilloeiros da Ría de Arousa (Fepmar) para analizar as súas necesidades e valorar liñas de colaboración que permitan reforzar a principal actividade da acuicultura galega. Esta reunión serviu como presentación desta nova organización sectorial, constituída en maio deste ano, que agrupa a preto do 40% das 3.300 bateas instaladas na comunidade, a maioría concentradas nas Rías Baixas.

Marta Villaverde puxo en valor o traballo conxunto entre o sector e a Administración autonómica para afrontar os retos actuais entre os que destacou a valorización do produto e o impacto do cambio climático nas zonas produtivas. Nesta liña, destacou o papel dos centros de investigación autonómicos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), que garante que o produto extraído está en óptimas condicións para o consumo, e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) co desenvolvemento de proxectos como Apromex ou Capacitamex que permiten afondar na sustentabilidade e competitivade da actividade mexilloeira en Galicia.

A titular de Mar subliñou o liderado galego no ámbito da acuicultura e, particularmente, na produción de mexillón da cal é a principal produtora a nivel continental, co 44,6% da produción, situando a España na terceira posición a nivel mundial só por detrás de China e Chile. Así, no 2024 foron extraídas preto de 179.000 toneladas que supuxeron unha facturación que superou os 128 millóns de euros, un 7,6% máis que no 2023. O 73% foi destinado á comercialización en fresco mentres o 27% restante estivo dirixido á industria.

Imaxes relacionadas