Nova

Villaverde e a Confraría de Ribeira abordan as necesidades do sector e analizan posibles actuacións de mellora no recinto portuario

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A titular de Mar destaca o esforzo inversor realizado por Portos de Galicia este ano, destacando a renovación dos pavimentos e das luminarias do peirao con tecnoloxía LED de alta prestación e software de telecontrol por un importe que supera os 400.000 euros

O ente público está a ultimar o procedemento para a reserva de prazas de estacionamento para vehículos do sector profesional no interior das instalacións portuarias 

Tamén puxo en valor o traballo da entidade que, con apoio da Xunta, desenvolveu este ano 19 accións formativas que permitiu a mellora da capacitación profesional de ao redor de 290 persoas

O pósito tamén é beneficiario das axudas autonómicas para equipamentos portuarios por valor de máis de 82.000 euros para a adquisición dunha caseta desmontable para vestiario, a construción dun novo almacén e o peche da zona do varadoiro

Ribeira (A Coruña), 4 de setembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Ribeira para analizar a situación do sector nesta parte do litoral galego e as necesidades específicas dos profesionais. A responsable autonómica, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, tamén tratou cos representantes do pósito posibles actuacións de mellora no recinto portuario que permitan afondar na mellora das condicións de traballo dos profesionais.

No encontro, a titular de Mar destacou o esforzo inversor realizado por Portos de Galicia este ano, destacando a renovación dos pavimentos dos viais e a renovación das luminarias do peirao por tecnoloxía LED de alta prestación e software de telecontrol que repercutiu nunha maior eficiencia enerxética. Ambas actuacións supuxeron un investimento conxunto que supera os 400.000 euros. Unha liña de traballo que terá continuidade e que permitirá garantir a competitividade do sector nun porto estratéxico na comunidade, que ocupa o terceiro posto por produción, con máis de 19.000 toneladas, e quinto por facturación, que no 2024 alcanzou os 40 millóns de euros.

Por outra banda, a responsable autonómica indicou que desde Portos de Galicia estase traballando na demanda trasladada pola confraría para reservar aparcadoiros para os usuarios do peirao. Así, o ente público está a ultimar o procedemento para a reserva de prazas de estacionamento de vehículos para o sector profesional. O pósito remitiu o pasado mes de agosto o listado de usuarios cos seus datos e, a día de hoxe, estanse a crear as correspondentes tarxetas que serán entregadas aos usuarios para ser identificados, polo que aqueles vehículos que non dispoñan de dita acreditación serán susceptibles de ser sancionados.

Marta Villaverde puxo en valor o traballo que desenvolve a confraría que, co apoio da Xunta, desenvolveu 19 dos 97 cursos financiados ao abeiro da liña de axudas específicas para formación, cunha dotación bianual de 1,5 millóns de euros, que permitiu a mellora da capacitación profesional de ao redor de 290 persoas. Unha colaboración coa Administración autonómica que abarca outros ámbitos como a mellora da xestión pesqueira, a conservación de recursos mariños, ou os equipamentos portuarios. Neste punto sinalou a adquisición dunha caseta desmontable para vestiario para as persoas mariscadoras, a construción dun novo almacén ou o peche da zona do varadoiro cun investimento de 82.000 euros.

Incendio do Awadi

A conselleira do Mar aproveitou a súa visita a Ribeira para coñecer de primeira man o desenvolvemento das tarefas de extinción do incendio do pesqueiro Awadi que se prolongan desde o pasado luns. O operativo, dirixido por Portos de Galicia, deu por controlado o lume que aínda continúa activo con focos na zona de proa e na ponte do buque. Desde onte, os traballos están centrados nos labores de achique da auga que permitiron extraer ata o momento 40.000 litros con residuos de hidrocarburos mediante un xestor especializado, seguindo o protocolo Marpol, co obxectivo de adrizar o barco para eliminar o risco de afundimento. Tamén foron despregadas barreiras anticontaminación como medida de prevención coa finalidade de evitar posibles episodios contaminantes no interior na dársena.

Marta Villaverde agradeceu o traballo realizado ata o momento polos efectivos mobilizados, persoal de Portos de Galicia, Gardacostas, Salvamento Marítimo, bombeiros de Ribeira e Boiro así como do Grupo de Axuda e Emerxencias Municipal de Ribeira. A responsable explicou que os técnicos traballan agora en determinar as causas polas que non se puido enderezar de todo o barco mentres, de xeito paralelo, continúa o achique de augas con novos camións cisterna dado que estímase que restan uns 6.000 litros no interior da embarcación.

Imaxes relacionadas