Nova
Galicia exporta a súa experiencia no ámbito pesqueiro co desenvolvemento dun proxecto de cooperación en Honduras a través do Centro Tecnolóxico do Mar
A conselleira do Mar pon en valor que esta iniciativa, financiado pola Xunta, que ten como obxectivo mellorar a sustentabilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres no sur do país latinoamericano
A través desta visita técnica de intercambio preténdese trasladar a experiencia acumulada na comunidade para a regulación, organización e profesionalización do sector así como intercambiar información sobre cuestións de interese actuais
Santiago de Compostela, 8 de setembro do 2025
O liderado de Galicia no ámbito marítimo-pesqueiro chega ata Honduras co desenvolvemento dun proxecto de cooperación, financiado pola Xunta. A iniciativa ten obxectivo a mellora da sustentabilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos para grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, ao sur de Honduras. No marco desta colaboración, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, recibiu hoxe a unha delegación hondureña liderada por representantes da Dirección Xeral de Pesca de Honduras.
No encontro, a responsable autonómica puxo en valor o feito de que a comunidade exporte e comparta a súa experiencia no ámbito da xestión pesqueira da que é referente a nivel internacional. Tamén resaltou o traballo realizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, que participa nesta iniciativa a nivel técnico coa finalidade de establecer procesos de xeración e xestión de coñecemento para a recuperación e sustentabilidade do recurso marisqueiro no Golfo de Fonseca, así como o fortalecemento de capacidades dos titulares de obrigación con competencias no sector marisqueiro.
Marta Villaverde sinalou que, ao igual que acontece en Galicia, o sector pesqueiro é de especial relevancia na economía hondureña, especialmente no ámbito da exportación, destacando na pesca extractiva especies como a lagosta espiñenta do Caribe ou o camarón de mar. Na acuicultura sobresae o cultivo de tilapia e, en menor medida, o camarón. Neste punto, subliñou que esta visita técnica de intercambio permitirá trasladar o modelo de traballo do sector da pesca na comunidade así como o seu coñecemento en aspectos como a regulación, organización e profesionalización da actividade marítimo-pesqueira. Tamén para intercambiar información sobre cuestións de interese que están afectando á produción marisqueira a ambos lados do Atlántico como é o caso de eventos de alta mortaldade de moluscos de xeito semellante ao acontecido na comunidade no outono do 2023.
Amplo programa
A delegación hondureña ten prevista a realización dun amplo programa de visitas para coñecer mellor o funcionamento da actividade pesqueira e marisqueira en Galicia. Así, o martes estarán pola mañá na Confraría de Lourizán e na lonxa de Campelo para informarse sobre a aplicación dos marcos normativos e de certificacións como PescadeRías, de onde se non? ou as funcións e traballos que desempeña a asistencia técnica do pósito. Pola tarde, asistirán a unha poxa para ver in situ o proceso de clasificación do produto e primeira venda. O mércores visitarán o porto e a lonxa de Vigo así como a Praza de Abastos e rula de Bueu co obxectivo de coñecer a trazabilidade dos produtos pesqueiros, e o sistema de xestión. O xoves coñecerán o proxecto Guimatur, unha iniciativa que afonda nas sinerxías entre a actividade pesqueira e marisqueira co turismo.