Nova

A Xunta promociona o peixe, marisco e conservas galegas en Australia con grandes oportunidades na gran distribución e no produto gourmet

1 de 2
2 de 2

A Consellería do Mar apoia a presenza de seis empresas do sector como coexpositoras para avanzar na penetración dos alimentos mariños da comunidade nun mercado de especial interese para a cadea mar-industria e cun gran potencial de crecemento

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica visitou a Fine Food Australia, a maior feira de alimentación do país, no que mantivo encontros de traballo co obxectivo de facilitar a entrada de novas empresas pesqueiras galegas

Sidney (Australia), 9 de setembro de 2025

Nun contexto internacional moi complexo marcado polas grandes tensións comerciais, a Xunta continúa reforzando a presenza internacional das empresas da cadea mar-industria da comunidade. Así, e segundo os datos provisionais, o 2024 confirma a tendencia positiva das exportacións dos últimos anos co rexistro dun novo récord en exportacións ata os 2.796 millóns de euros. Con este obxectivo, o Goberno galego apoia a presenza de seis empresas galegas na cuadraxésima primeira edición da Fine Food Australia, a maior feira de alimentación de Australia, que acolle ata o vindeiro xoves a cidade de Sidney.

A participación galega, representada por Conservas La Brújula, Porto-Muíños, Conservas del Noroeste, Conservas Artesanas Gallegas, Conservas Portomar e Calvo Distribución Alimentaria, ten lugar en virtude do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB). O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, que se desprazou a este evento, destacou a importancia de levar a calidade e sabor dos produtos do mar ás principais feiras internacionais para chegar a novos potenciais clientes e apoiar o crecemento da cadea mar-industria en mercados como australiano con grandes oportunidades no ámbito da distribución ou no produto gourmet.

O responsable autonómico mantivo unha ampla axenda de contactos que incluíu á embaixadora española en Australia, Esther Monterrubio, e ao conselleiro comercial da delegación española, Rodrigo Tilve. Rial sinalou que estes encontros teñen como finalidade o facilitar a entrada de novas empresas pesqueiras e afondar no potencial do peixe, marisco e conservas galegas nesta país. Así, puxo en valor o forte compromiso da Xunta na internacionalización da cadea mar-industria, tecendo alianzas con diferentes organizacións, apoiando accións formativas, ofrecendo asesoramento e colaborando en misións comerciais en novos mercados. Deste xeito, afóndase na diversificación de mercados así como na consolidación do emprego desta industria, que representa ao redor de 50.000 postos de traballo na comunidade.

Imaxes relacionadas