Nova
Xunta e Interfish avalían as actuacións realizadas no ámbito da promoción e comercialización de especies como a quenlla, o marraxo e o peixe espada
A conselleira do Mar pon en valor a colaboración entre Goberno galego e a única interprofesional pesqueira de España que agrupa ao 75 % da produción e o 72 % da comercialización das tres especies
O convenio de colaboración deste ano recollía accións como a elaboración informe sobre a situación do mercurio nos grandes migradores e a incidencia do selenio no seu consumo, o desenvolvemento de campañas promocionais ou a participación en Conxemar 2025
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, continúa avanzando na rolda de contactos con diferentes entidades representativas do sector pesqueiro para analizar os retos actuais que enfronta a actividade extractiva. Neste marco, celebrou hoxe un encontro de traballo con representantes da xunta directiva da Organización Interprofesional Pesqueira Interfish-España para avaliar as actuacións realizadas este ano recollidas no convenio de colaboración asinado por ambas partes o pasado mes de febreiro dotado cunha achega autonómica de 200.000 euros.
A responsable autonómica puxo en valor que esta colaboración que pon de manifesto o compromiso da Xunta co impulso da promoción e a mellora da comercialización de especies como a quenlla, o marraxo e o peixe espada. Un traballo conxunto, consolidado nos últimos anos, coa única interprofesional pesqueira de España integrada por cinco socios. Por un lado, tres son da rama de produción (OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar e OPP-49 Orpagu) e un da rama da transformación e comercialización con Conxemar, entidade conformada por 236 empresas con máis de 12.000 millóns de euros de facturación. Na actualidade agrupa ao 75 % da produción e o 72 % da comercialización das tres especies.
O apoio do Goberno galego fixo posible a realización de accións específicas como a elaboración dun informe sobre a situación actual do mercurio nos grandes migradores e incidencia do selenio no seu consumo e a súa influencia na redución de risco cardiovascular ou carinoxénico. Tamén o desenvolvemento de distintas campañas promocionais nas que se divulgou a sostibilidade e calidade destes produtos ou a vindeira participación de Interfish na feira Conxemar 2025. Unha cita na que esta organización ten como actividade estrela o despece dun peixe espada de grandes dimensións, como fórmula de achegamento do público en xeral á pesca de palangre de superficie.