Nova

A conselleira do Mar e o alcalde de Ribadeo estudan novas vías de colaboración para mellorar as infraestruturas portuarias deste municipio

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O rexedor local confirmou á responsable autonómica a próxima licitación da reforma da rúa Buenos Aires, no seu acceso ao porto de Mirasol, na que Portos de Galicia prevé un investimento de 480.000 euros

Santiago de Compostela, 10 de setembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, mantiveron este mércores un encontro de traballo no que avaliaron os investimentos executados recentemente e os previstos polo seu departamento nas infraestruturas portuarias deste municipio costeiro.

Así, o rexedor local confirmou á responsable autonómica que, nas vindeiras semanas, a entidade local licitará a reforma da rúa Buenos Aires, no seu acceso ao peirao de Mirasol; unha actuación á que o ente público dependente da Consellería, Portos de Galicia, destinará 480.000 euros.

Esta iniciativa enmárcase no esforzo inversor que o departamento autonómico está a realizar na vila mariñá. Concretamente, desde 2024 ata a actualidade, o investimento do ente público supera os 3 millóns de euros. Así, á mellora da rúa indicada, súmase a dragaxe do porto, acometida o pasado ano por valor de 2,4 millóns, e outras actuacións recentemente rematadas, como son a renovación das luminarias con tecnoloxía LED con control telemático e pavimentación dos portos de Ribadeo e Rinlo.

No transcurso do encontro, os dous dirixentes tamén  abordaron as actuación previstas para o peirao rinlense, que consisten na substitución de varandas na ponte de acceso e o acondicionamento da rampla pesqueira, ademais doutras melloras nas infraestruturas portuarias locais.

Imaxes relacionadas