Nova

Marta Villaverde destaca que a empresa Marine Instruments é un exemplo de como a innovación contribúe a unha pesca eficiente e sostible

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira visitou as instalacións da entidade de Nigrán, líder a nivel español e europeo na aportación de solucións tecnolóxicas en materia de seguridade e a defensa do medio mariño

A compañía conta con 180 empregados e ten presenza en máis dunha trintena de países

Nigrán (Pontevedra), 10 de setembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou este mércores unha visita institucional a Marine Instruments, empresa líder a nivel español e europeo na aportación de distintas solucións tecnolóxicas para unha pesca eficiente e sostible. Neste senso, a responsable autonómica destacou que para Galicia é un orgullo contar con unha entidade punteira destas características, xa que, na actualidade, ten presenza en máis de 30 localizacións do mundo, nas que ofrece distintos produtos e servizos vinculados á seguridade e á defensa do medio mariño.

Esta empresa pontevedresa iniciou a súa andaina no sector da acuicultura desenvolvendo un sistema de alimentación intelixente con detección acústica (Marine Acoustic Smart System) que optimiza ao máximo o índice de crecemento do camarón. No eido da pesca, todos os seus produtos permiten aforrar combustible e reducir a pegada de carbono no océano, apostando polas novas tecnoloxías para optimizar os recursos pesqueiros ao máximo e contribuír á construción de océanos intelixentes.

Entre os seus produtos inclúense boias satelitales con ecosonda para a pesca de atún, radio boias para a pesca de palangre, servizos oceanográficos para mellorar a eficacia pesqueira e solucións de monitorización electrónica que axudan á sustentabilidade da frota e ao cumprimento de regulacións de pesca. Asemade, traballan en sistemas innovadores que incorporan o uso de tecnoloxías como o Big Data, a Intelixencia Artificial e drons, co fin de garantir a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira.

Un traballo e unha traxectoria que, segundo destacou Villaverde, dá cumprimento a moitos dos obxectivos fixados na Axenda 2030, e que tamén aplica a Consellería do Mar, a través das distintas liñas de actuación e de apoio que impulsa, destinadas ao crecemento económico do sector, á inclusión social e á protección do medio mariño. Para elo, a compañía conta con 180 empregados dos cales máis do 45% pertence ao departamento de I+D.

Imaxes relacionadas