Nova
Villaverde destaca o apoio da Xunta a Anfaco-Cytma, que contribúe a que Galicia sexa paradigma da industria do atún a nivel nacional e internacional
O encontro, enmarcado no convenio que ambas entidades manteñen desde 2015, reforza o liderado da cadea mar-industria galega, que produce o 60% da conserva de Europa
A titular autonómica confirma o compromiso da Xunta con todas aquelas entidades e proxectos que aposten pola valorización e a diferenciación dos produtos, así como o apoio ao sector ante a competencia desleal de terceiros países e a imposición de aranceis
Máis de 350 directivos das principais empresas atuneiras do mundo se darán cita no simposio, no que se abordarán as últimas innovacións, tendencias do mercado e desafío do sector
Vigo, 11 de setembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na inauguración da XII Anfaco World Tuna Conference, organizada por Anfaco-Cytma, en colaboración coa Xunta de Galicia, no marco do convenio que ambas as dúas entidades renovan anualmente desde 2015, e que suma unha achega por parte do Goberno galego nesta década de preto de 1,5 millóns de euros.
O simposio sitúa a Galicia como referente da industria do atún a nivel nacional e internacional, converténdose nun punto de encontro para a transmisión de coñecemento científico e para abordar o desenvolvemento competitivo e sostible do sector, tanto desde o punto de vista empresarial como académico, así como para establecer sinerxías que permitan fortalecer a cadea de valor mar-industria e a súa relación co principal eixo, o consumidor.
Deste xeito, 40 relatores e líderes dos principais produtores analizarán e exporán as últimas tendencias na xestión de recursos, os métodos máis innovadores para impulsar o valor e a sustentabilidade dos produtos de atún, e as innovacións aplicadas á reconfiguración da produción, o procesamento e a rastrexabilidade, ademais da protección dos dereitos humanos na cadea de subministración desta especie, e ás políticas de responsabilidade social das empresas.
Aposta pola valorización e a diferenciación
Un encontro que, en palabras da conselleira, representa unha clara aposta pola valorización e a diferenciación dos produtos, co fin de xerar valor nos mercados acorde cun produto de primeira calidade producido ou capturado en Galicia, pois o atún non só é un produto, senón que, destacou Villaverde, é un símbolo da economía azul, a cooperación internacional, de sostibilidade e de innovación tecnolóxica.
E, neste modelo de desenvolvemento, a Xunta seguirá avogando pola consecución de resultados en equilibrio e en garantía dun level playing field no mercado e a exclusión desta especie do Acordo de Libre Comercio con Tailandia, e defendendo ao sector ante a imposición de novos aranceis para as exportacións entre a UE e EEUU que afecta aos produtores pesqueiros e conserveiros.
Presenza das principais atuneiras do mundo
Baixo o lema “Reaching the new consumer”, este evento histórico, reúne a líderes dos principais produtores e comercializadores de empresas de atún, incluíndo a máis de 30 países de Europa, América, Asia, África e Oceanía. Concretamente, están representados países como Francia, Italia, Hungría, Tailandia, Vietnam, Australia, China, Nova Guinea, Yemen, Chana, Brasil, Colombia ou Ecuador, entre outros.
Así, máis de 350 directivos das principais empresas atuneiras, que representan máis do 90% da produción mundial, se darán cita na cidade olívica, reforzando o liderado da cadea mar-industria da comunidade, que produce o 60% da conserva de Europa, e está representada por 147 empresas das 252 que están integradas na Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco-Cytma). Estas supoñen o 88% da facturación e o 75% do emprego. Polo que respecta á capacidade exportadora, a conserva galega aglutina o 73% das 171.000 toneladas enviadas ao exterior por valor de 985 millóns de euros.
Cifras que, segundo subliñou Villaverde, amosan a importancia estratéxica desta industria como motor económico e de xeración de emprego. E é que das 26.300 persoas empregadas, máis de 1.200 teñen a súa sede en Galicia, unha tendencia estable nos últimos anos, que converte o territorio galego no eixo vertebrador desta industria, con especial incidencia no sector feminino, xa que o 65% do persoal da actividade conserveira son mulleres.
Os organizadores
Anfaco-Cytma integra a máis de 250 empresas do complexo mar-industria en España, das que 147 (máis do 57%) son galegas, conformando unha auténtica agrupación industrial no ámbito mariño e alimentario. En Galicia, as empresas asociadas representan máis do 88% da facturación e do 75% do emprego da industria de procesado e conservación de produtos de pesca.