Nova

Portos de Galicia avanza na tramitación da nova dársena de Morás ao recibir de Costas do Estado a titularidade dos terreos

Xove (Lugo), 11 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia asinou coa Demarcación de Costas do Estado a acta de adscrición dos terreos para a construción do dique de abrigo e a nova dársena do porto de Morás, no municipio lucense de Xove. A través deste documento, Portos de Galicia recibe, logo dun ano de que a Demarcación de Costas do Estado en Galicia emitise o informe inicial, os terreos necesarios para a construción desta infraestrutura demandada historicamente pola comunidade portuaria de Xove.

En paralelo ao cumprimento dos tramites requeridos para a sinatura da acta de adscrición, Portos de Galicia ten redactado o proxecto construtivo do dique de abrigo, cuxo estudio de alternativas data de 2006 pero que se atopaba bloqueada pola necesidade do traspaso da titularidade dos terreos á Xunta.

A proposta técnica na que a Xunta de Galicia está a traballar para a mellora do abrigo de Morás prevé a construción dun dique de máis de 220 metros de lonxitude en dúas aliñacións. Ademais contémplase a dotación de pantaláns para embarcacións pesqueiras e náutico recreativas. Finalmente contémplase unha zona de aparcadoiro.