Nova

Villaverde traslada á Mariña Mercante a necesidade de afondar na coordinación entre administracións en beneficio do sector marítimo-pesqueiro

1 de 2
2 de 2

A titular de Mar abordou a necesidade de habilitar a consulta de determinados documentos deste departamento estatal co obxectivo de axilizar e automatizar os procedementos administrativos da Consellería

Tamén resaltou a importancia de articular novas vías de colaboración entre o servizo de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo co obxectivo de prestar o mellor servizo á cidadanía 

A responsable autonómica avogou pola posta en marcha dun protocolo de intercambio de información a tempo real co Estado para a xestión de emerxencias marítimas e a prevención e loita contra a contaminación mariña  

Madrid, 16 de setembro do 2025

Galicia é a única comunidade de España que conta cun servizo propio de Gardacostas que desempeña un papel moi destacado pola súa áxil e efectiva resposta ante emerxencias marítima e episodios de contaminación. Isto foi posto en valor pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, no encontro de traballo coa nova directora xeral da Mariña Mercante, Ana Núñez, nomeada o pasado mes de abril, a quen trasladou a necesidade de afondar na coordinación entre administracións coa finalidade de prestar un mellor servizo á sociedade e, particularmente, ao sector marítimo pesqueiro. 

A titular de Mar explicou que unha das propostas da Administración autonómica é habilitar a consulta da documentación necesaria na tramitación de procedementos administrativos por parte das unidades dependentes dos departamentos territoriais da Consellería. O rol das embarcacións, o folla de asento electrónica ou o certificado de conformidade, son algúns destes documentos cuxo acceso permitiría gañar eficacia e automatización dos procedementos.

A responsable autonómica tamén manifestou a importancia de regular a colaboración entre o servizo autonómico de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo co obxectivo de prestar o mellor servizo á cidadanía. Nesta liña, puxo en valor a labor dos efectivos autonómicos e a calidade do labor que prestan as 24 horas os 365 días do ano, garantindo unha resposta áxil e adecuada ás incidencias marítimas. Así, indicou que resulta imprescindible formalizar o marco de colaboración para garantir a utilización máis axeitada e eficiente dos recursos dispoñibles.

Tamén abordou a necesidade de incluír á frota deste departamento nun réxime especial, a semellanza do que acontece na actualidade con Aduanas ou o servizo marítimo da Garda Civil. Isto permitiría que quedara exentas de trámites relativos ao despacho de buques ou doutras normativas relativas a titulacións e outros certificados de formación e especialidade marítima profesional. Un dos obxectivos é facilitar a incorporación de novos tripulantes a este servizo autonómico. 

A conselleira do Mar solicitou que Gardacostas teña acceso ás bases de datos da Dirección Xeral da Mariña Mercante e da Axencia Europea de Seguridade Marítima así como a outras aplicacións informáticas de interese técnico, facilitando deste xeito a interconexión con outros centros de emerxencias doutras administracións públicas. Entre elas está o acceso ao Sistema de Información Automática (AIS), que dispoñe Sasemar e Portos do Estado, á información de escalas de buques en portos de interese xeral ou ao rexistro marítimo español, entre outros.

Información a tempo real

Marta Villaverde avogou pola posta en marcha dun protocolo de intercambio de información a tempo real co Estado para a xestión de emerxencias marítimas e a prevención e loita contra a contaminación mariña. A responsable autonómica subliñou a importancia de contar coa mellor información dispoñible, crucial na toma de decisións, garantindo un mellor valoración e alcance de cada emerxencia, así como facer un seguimento adecuado deste tipo de incidentes.

Imaxes relacionadas